Inicio Carballo ao día Hemeroteca As cidades do Eixo Atlántico reivindican o...

As cidades do Eixo Atlántico reivindican o seu protagonismo na reconstrución post-COVID 19

Evencio Ferrero participou hoxe en Pontevedra na Conferencia de Presidentes xunto con outros alcaldes de Galicia e Portugal

Xoves 17 de setembro do 2020 Carballo ao día

Mesa de poñentes

Mesa de poñentes

A Conferencia de Presidentes do Eixo Atlántico, celebrada hoxe en Pontevedra, reivindicou unanimemente o papel determinante que as cidades e os concellos desempeñaron durante a pandemia, cubrindo cos seus propios recursos os déficits doutras administracións dende os aspectos sociais e sanitarios de maior urxencia incluíndo os educativos, ata os aspectos culturais e de motivación da poboación para resistir o confinamento.

Precisamente porque son os concellos os que mellor coñecen as necesidades dos seus cidadáns, reivindican un papel protagonista no proceso de reconstrución para garantir que dito proceso contemple e apoie as necesidades dos habitantes das cidades da Eurorrexión.

Ao longo de case catro horas os alcaldes das principais cidades da Eurorrexión integrados no Eixo Atlántico, entre eles o alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, debateron cun conxunto de expertos de alto nivel as liñas mestras que deben definir a folla de ruta da reconstrución.

Os responsables políticos reivindicaron a situación dos territorios de baixa densidade, que sempre son os máis desprotexidos, non da pandemia, senón dos apoios para superar os seus efectos. Esta posición á que tamén se adheriron os seus homólogos portugueses do interior, revelou situacións ignoradas como as que está vivindo o sector agroalimentario vencellado á gastronomía e ao turismo xa que moitas das grandes superficies venden produtos doutras rexións españolas.

Por iso, unha das reivindicacións unánimes foi o apoio a os sectores produtivos do territorio tanto no referente ás pequenas e medianas empresas, como aos autónomos.

Evencio Ferrero, na Conferencia de Presidentes do Eixo Atlántico

Evencio Ferrero, na Conferencia de Presidentes do Eixo Atlántico

Neste sentido o secretario xeral do Eixo Atlántico, Xoán Vázquez Mao, defendeu que as axudas non poden ir a empresas como Iberia ou Vodafone que non son españolas e o seu capital non é español, senón do Reino Unido, país que abandonou a UE, senón aos empresarios e autónomos portugueses e galegos. “España non debe de actuar como un cabalo de Troia para que o diñeiro da UE vaia a empresas inglesas, senón que debe de o investir en quen paga aquí os seus impostos e xeran riqueza e con iso manteñen a sanidade, educación e a propia administración pública”, sinalou.

Outro elemento central no debate foi a necesidade de desenvolver a sostibilidade do territorio, non só polo seu carácter económico e de calidade de vida, senón, como se viu durante esta pandemia, polo seu forte compoñente sanitario, así como a necesidade de incentivar os ciclos curtos, tanto produtivos, como de consumo, que redundan no comercio de proximidade e que supón poñer en valor o consumo de produtos tradicionais.

ncidiuse tamén na necesidade de desenvolver plans de mobilidade urbana sostible para minorar o uso e impacto do vehículo privado.

Moi destacables foron tamén as intervencións de Anxo Carracedo, Catedrático de Medicina Legal ou Maria João Rauch, consultora da OCDE, que apostaron pola investigación como crave para saír desta nova crise incidendo na transferencia deste coñecemento como elemento indispensable. Tamén insistiron na necesidade de reter o talento e investilo en noso territorio.

Pola súa banda, o presidente do Eixo Atlántico e alcalde de Braga, Ricardo Rio, destacou o papel de liderado da entidade ao conseguir reunir a máis de 30 alcaldes para centrarse, “non nunha lista de reivindicacións, senón en fortalecer un modelo de cooperación que queremos afianzar entre concellos, axentes sociais e os cidadáns, ademais de potenciar os recursos da Eurorrexión para que se desenvolva de forma cohesionada”.

Vista xeral do auditorio

Vista xeral do auditorio

Compartir: