A PARTIR DE MEDIADOS DE OUTUBRO TRABALLARASE NAS PISTAS DE ZAHORRA
A campaña anual de roza das vías municipais asfaltadas entra na súa recta final despois de poñer a punto o 90% das pistas
O Concello de Carballo ten en licitación un contrato por valor de 600.000 euros anuais que permitirá intensificar e axilizar os traballos
Sábado 19 de setembro do 2020 Carballo ao día
O concelleiro Luis Lamas coincidiu cos tractores municipais en Artes
Con máis de 1.200 quilómetros de pistas e a necesidade de concentrar os labores de roza nos meses de verán para que sexa máis efectiva, a limpeza das marxes das vías municipais convértese entre os meses de xuño e outubro nunha tarefa contra-reloxo. Nestes momentos os tractores municipais levan rozado o 90% das vías asfaltadas. A vindeira semana completarán a parroquia de Sofán e desprazaranse cara a Alta de Rus e as zonas alta e baixa de Entrecruces, que son as que quedan pendentes. Os traballos rematarán a mediados de outubro, e a continuación será a quenda das pistas de zahorra, empezando polo punto no que se rematou a campaña anterior, tal como indica o concelleiro de Obras e Servizos, Luis Lamas.
Coa intención de intensificar e axilizar os traballos de cara aos vindeiros anos, o Concello de Carballo ten en licitación nestes momentos un contrato por un importe próximo aos 600.000 euros que inclúe dous tipos de actuación. Por unha banda, a roza por ambas marxes de 270,5 quilómetros lineais de vías nas parroquias, coa obriga de que a empresa adxudicataria desenvolva este labor entre o 1 de xuño e o 31 de xullo. Por outra, inclúese a roza de espazos urbanos de uso público, tala e retirada de árbores en caso necesario e roza manual das vías nas que non sexa posible utilizar o brazo mecánico do tractor. A empresa terá que actuar nestas zonas polo menos tres veces ao ano, e a primeira será obrigatoriamente antes do 31 de maio.
As empresas interesadas teñen de prazo ata o 13 de outubro para presentar a documentación. O contrato será por un ano, pero poderá prorrogarse por catro máis, e o prezo de licitación é de 599.804,51 euros.