Carballo celebrará mañá o Día sen Coches cortando varias rúas de distintos barrios para convertelas en espazos de xogo
Mañá tamén se levará a cabo o obradoiro de bicicleta para mulleres “Pedaleando pola igualdade”. Aínda quedan prazas!
Sábado 19 de setembro do 2020 Carballo ao día
Participantes na ruta urbana en bici
Por primeira vez dende que participamos na Semana Europea da Mobilidade (e levamos uns cantos anos), Carballo vai celebrar o Día sen Coches. Será mañá domingo, e consistirá no peche ao tráfico rodado de varias rúas de distintos barrios para convertelas en espazos de xogo para pequenos e maiores.
O Día sen Coches levarase a cabo dende as 10:00 ata as 22:00 horas nas rúas Vila de Laxe (Chorís), Eduardo Pondal (A Granxa) e Concepción Arenal, Cervantes e Valle-Inclán (centro). Nestes tres barrios celebraranse actividades simultáneas: pintado de xogos no chan, módulos tipo skate-park para uso con patinetes e bicicletas, actividades deportivas... Na rúa Vila de Laxe haberá zumba, cun grupo de nenos e nenas ás 11:00 e outro para persoas adultas a continuación. Se queres participar inscríbete enviando unha mensaxe de WhatsApp ao número 664 821 005.
Paralelamente, de 11:00 a 12:30 horas teremos outra actividade novidosa no aparcamento do Pazo da Cultura (A Cristina): un obradoiro para mulleres que levan tempo sen andar en bici e queren recuperar o hábito ou que queren mellorar as súas habilidades. Monitores/as do Club Ciclista Carballo Vázquez y Reino encargaranse de achegarlles os coñecementos necesarios nunha sesión teórico-práctica que rematará cunha pequena ruta. “Pedaleando pola igualdade” é a denominación desta actividade, na que tamén colabora a Concellaría de Igualdade e Benestar. Aínda quedan prazas! Inscríbete enviando un correo electrónico a cccarballo@cccarballo.com.
Boa resposta
Como en todas as actividades que estamos a levar a cabo dentro da Semana Europea da Mobilidade, as persoas participantes deberán respectar as medidas de prevención fronte á COVID-19. Malia ás estritas normas e aos grupos reducidos establecidos para todas as iniciativas, a resposta da cidadanía está sendo moi boa. No circuíto de seguridade viaria para bicicletas e patinetes que abriu a SEM participaron 44 nenos e nenas; na actividade “Á feira en bicicleta” contamos con sete; na Andaina con Senda Nova pola Ruta dos Muíños do Pan completouse un grupo de 10 malia o trebón que caeu pouco antes de arrincar, e hoxe, na Ruta urbana en bicicleta, volvemos a superar as 40 persoas. Dende a Concellaría de Mobilidade, o seu titular, Juan Seoane, fai unha valoración moi positiva desta primeira parte da semana.
Próximas actividades
O luns continuaremos, neste caso celebrando o Día da Accesibilidade en colaboración coa Asociación Íntegro. Pola mañá ocuparemos con cadeiras de rodas varias prazas de aparcamento da rúa Cervantes para chamar a atención sobre a necesidade de respectar as prazas para persoas con mobilidade reducida, e pola tarde “chequearemos” a accesibilidade das zonas da Cristina e A Milagrosa.
A Semana Europea da Mobilidade rematará o día 22 coa colocación de aparcabicis e o pintado das rutas do Pedibús.