Inicio Carballo ao día Hemeroteca Concello e Íntegro colaboran para seguir...

SEMANA EUROPEA DA MOBILIDADE

Concello e Íntegro colaboran para seguir mellorando a accesibilidade nos distintos barrios urbanos

Unha campaña sobre as tarxetas de aparcamento para persoas con mobilidade reducida e unha ruta para "chequear" a accesibilidade centraron esta xornada

Luns 21 de setembro do 2020 Carballo ao día

Pola mañá ocupáronse varias prazas de aparcamento con axudas técnicas

Pola mañá ocupáronse varias prazas de aparcamento con axudas técnicas

O Concello de Carballo quere seguir contando coa Asociación Íntegro para mellorar a accesibilidade e a mobilidade das persoas con diversidade funcional. Desa colaboración, que vén xa de anos atrás, xurdiu a celebración do Día da Accesibilidade dentro da programación da Semana Europea da Mobilidade. Ese día foi hoxe, e moi completo, cunha campaña sobre os aparcamentos reservados para persoas con mobilidade reducida pola mañá e unha ruta para “chequear” a accesibilidade nos barrios da Milagrosa e A Cristina pola tarde.

Aínda que tamén se repartiron os folletos informativos sobre as tarxetas de aparcamento para persoas con mobilidade reducida que podes descargar máis abaixo, o máis rechamante da xornada matinal foi a ocupación de varias prazas de aparcamento da rúa Cervantes con cadeiras de rodas e distintas axudas técnicas, xunto con carteis nos que podían lerse algunhas das “escusas” utilizadas con máis frecuencia polas persoas que ocupan as prazas para persoas con mobilidade reducida: “Son só 5 minutiños”, “Será só un momentiño”, “Volvo nun santiamén”, “Non teño tarxeta... pero non pasa nada, non?”, “Non sabía que aquí non podía aparcar”...

O concelleiro de Mobilidade e o alcalde, co presidente e dúas representantes de Íntegro

O concelleiro de Mobilidade e o alcalde, co presidente e dúas representantes de Íntegro

“O que queremos simbolizar _explicou Adolfo López Baña, presidente de Íntegro_ como se sente un cidadá cando lle ocupan unha praza de aparcamento e non pode aparcar. Pois a nós moitas veces pásanos o mesmo”. Dende Íntegro inténtase reivindicar, por unha banda, “que o noso tempo vale o mesmo e que as prazas reservadas non son un capricho, senón unha necesidade”, pero tamén que existe fraude de lei no uso das tarxetas “por usuarios que non teñen discapacidade, e iso, ademais dun fraude, moralmente é tamén algo reprobable”.

O alcalde, pola súa banda, expresou o recoñecemento do Concello de Carballo a Íntegro polo seu “traballo incansable en favor da integración, en favor desas sociedades inclusivas nas que todas as persoas, independentemente das súas habilidades e das súas capacidades para moverse, teñen que ter a identidade de que o espazo urbano é para todos. E, nese sentido, colaboramos dende o Concello de Carballo con esta asociación exemplar, porque só así podemos facer esa sociedade que eduque neses valores”, indicou Evencio Ferrero.

A ruta da accesibilidade arrincou do Fórum

A ruta da accesibilidade arrincou do Fórum

Pola tarde, acompañados polo concelleiro de Mobilidade, Juan Seoane, usuarios e usuarias de Íntegro realizaron unha ruta polos barrios da Milagrosa e A Cristina para “chequear” a accesibilidade. Froito destes percorridos están en marcha nestes momentos proxectos como o de mellora da accesibilidade na Milagrosa e a rúa Vázquez de Parga, e a intención do Concello de Carballo é seguir actuando, na medida das posibilidades, en todos os barrios.

A Semana Europea da Mobilidade rematará mañá coa colocación de aparcabicis e o pintado de rutas do pedibús.

Compartir: