Visita da secretaria técnica da Rede de Cidades que Camiñan para empezar a preparar o congreso de Carballo
O noso concello recibiu o apoio maioritario da asemblea de socios da rede celebrada en Cádiz a principios de marzo
Martes 22 de setembro do 2020 Carballo ao día
A xuntanza celebrouse na Casa do Concello
A principios de marzo celebrouse en Cádiz o último Congreso da Rede de Cidades que Camiñan. A foto de familia dos participantes na asemblea hoxe sería imposible, pero, aínda que poucos días despois se declarou o estado de alarma, naquel momento ninguén auguraba as consecuencias que ía ter a COVID-19 nas nosas vidas. Nesa última asemblea da rede, o noso concello recibiu o apoio maioritario para converterse na próxima sede do congreso anual, un recoñecemento máis ao traballo que vimos desenvolvemento a prol dunha mobilidade máis sostible despois de outorgarnos o Premio Cidades que Camiñan 2018 na categoría de concellos de 20.000 a 100.000 habitantes.
O 8º congreso da Rede de Cidades que Camiñan, polo tanto, celebrarase en Carballo. Se as circunstancias o permiten, será no mes de marzo do ano 2021. Para empezar a preparalo, hoxe desprazouse ata o noso concello a secretaria técnica da Rede de Cidades que Camiñan, Ana Montalbán, que mantivo unha primeira xuntanza de traballo co alcalde, Evencio Ferrero; o concelleiro de Mobilidade, Juan Seoane; a concelleira de Planificación Urbana, Milagros Lantes, e o arquitecto municipal, Alfredo Garrote. Neste primeiro encontro baralláronse datas, escenarios e temas para o congreso, pero as propostas deberán irse concretando nos vindeiros meses en función da evolución da situación sanitaria.
Despois da xuntanza, que se celebrou na Casa do Concello, durante máis de 1 hora, os representantes municipais acompañaron a Ana Montalbán nunha visita ao Fórum Carballo para coñecer as instalacións do edificio que podería albergar o congreso e as obras de accesibilidade que veñen de rematar na súa contorna, e que mereceron una cualificación moi alta por parte da arquitecta e responsable técnica da Rede de Cidades que Camiñan.