Inicio Carballo ao día Hemeroteca Xa son máis de 10.000 os carballeses e...

Xa son máis de 10.000 os carballeses e carballesas maiores de idade que solicitaron as tarxetas-bono “Sempre Carballo”

O prazo continuará aberto ata o 15 de novembro a través da páxina web www.semprecarballo.gal

Venres 25 de setembro do 2020 Carballo ao día

Hoxe fai dez días que se abriu o prazo de solicitude das axudas das tarxetas-bono “Sempre Carballo” e xa superamos as 10.000. Despois da avalancha inicial, posto que nas primeiras 24 horas recibíronse máis de 5.000 solicitudes, o ritmo foi a menos, aínda que mantemos unha media diaria de máis de 500 peticións, o que supón un indicador máis da boa acollida do programa impulsado dende a Concellaría de Promoción Económica.

Lembramos que a tarxeta “Sempre Carballo”, que ten un saldo de 30 euros, entregarase de balde a todas as persoas maiores de idade e con residencia no noso concello (a data de empadroamento debe ser anterior ao 31 de xullo deste ano) que a soliciten. O trámite é moi sinxelo. Só hai que entrar na páxina web www.semprecarballo.gal e cubrir un formulario. É moi importante revisar ben os datos antes de envialos. A tarxeta será enviada ao domicilio que figura no Padrón Municipal de Habitantes pola entidade bancaria que as xestiona, xunto coas instrucións precisas para activala e poder utilizala nun total de 272 establecementos.

O prazo de solicitude está aberto ata o 15 de novembro, e os 30 euros da axuda municipal poderán consumirse ata o 30 de novembro. O Concello de Carballo destina a este programa un total de 700.000 euros, que agardamos que teñan un efecto multiplicador.

Ademais de aplicar un criterio de universalidade social local, xa que as tarxetas-bono están a disposición de todas as persoas maiores de idade, o programa “Sempre Carballo” contribúe a fomentar a economía circular, porque as tarxetas só poderán utilizarse no noso concello; a reactivar a economía, porque poderán gastarse nas empresas afectadas pola declaración do estado de alarma, e a implicar a toda a cidadanía no reto da reactivación e o consumo local, amplificando o sentimento de pertenza a Carballo.

Compartir: