O Concello de Carballo inviste case 800.000 euros en obras de aglomerado de vías estruturantes da zona rural
Xa están rematadas as obras da estrada Paradela-Prearada e hoxe estanse executando as de Xoane-O Piñeiro
Luns 28 de setembro do 2020 Carballo ao día
Evencio Ferrero e Luis Lamas, en Goiáns
O Concello de Carballo ten en marcha nestes momentos catro proxectos de mellora de vías que están consideradas estruturantes porque unen parroquias ou núcleos rurais importantes e que, polo tanto, están incluídas no plan de aglomerados. O investimento acada este ano os 786.630,69 euros, e abrangue as seguintes actuacións:
- Xamozo (Artes)-Santa María (Ardaña)
- Paradela-Prearada (Sofán)
- Xoane-O Piñeiro (Goiáns)
- A Canosa (Rus)-Pereiro Vello (Entrecruces)
O alcalde, Evencio Ferrero, e o concelleiro de Obras e Servizos, Luis Lamas, percorreron hoxe os máis de tres quilómetros da nova pista de Paradela a Prearada, que xa está rematada, só pendente do pintado das marcas viarias. O ancho medio sitúase nos 5,5 metros, o que supón unha ampliación de ata 1 metro nalgúns puntos.
Obras de aglomerado na vía Xoane-O Piñeiro
Tamén se achegaron ata a parroquia de Goiáns, onde se está procedendo hoxe ao aglomerado. Os traballos rematarán nesta mesma xornada e quedarán pendentes tamén do pintado das marcas viarias.
Nos vindeiros días, a empresa adxudicataria dos tres proxectos, Vázquez y Reino, acometerá tamén o aglomerado da vía de Xamozo a Santa María.
En canto á estrada da Canosa a Pereiro Vello, o día 14 rematou o prazo para que as empresas interesadas presentasen as súas ofertas, e están en fase de valoración por parte da mesa de contratación.