Inicio Carballo ao día Hemeroteca O Concello de Carballo destinará 423.500...

O Concello de Carballo destinará 423.500 euros no último trimestre do ano a financiar gastos derivados da COVID-19

A corporación municipal aprobou a utilización do remanente municipal, avalada pola excepcional situación sanitaria na que nos atopamos

Martes 29 de setembro do 2020 Carballo ao día

Imaxe do pleno do luns 28 de setembro

Imaxe do pleno do luns 28 de setembro

Aínda que non figuraba na orde do día do pleno porque, como explicou a concelleira de Facenda, Belén Lendoiro, esperouse ata o último minuto por se o Goberno do Estado establecía algún tipo de directriz, houbo unanimidade para incorporar ao debate unha proposta do goberno municipal do BNG para financiar con cargo ao remanente de tesourería os gastos derivados da COVID-19 de aquí a finais de ano. O Concello de Carballo xustifica a utilización deses fondos, dos que dende Madrid non se permite dispoñer libremente aos concellos, pola excepcionalidade da situación sanitaria na que nos atopamos e pola necesidade de asumir unha serie de necesidades que carecen de cobertura orzamentaria porque cando se elaborou o orzamento ninguén podía vaticinar a pandemia. O importe estimado para os próximos tres meses acada os 423.500 euros, o que reflicte a importancia dos gastos que deben asumir as arcas municipais como consecuencia do coronavirus.

A partida máis elevada, con 115.000 euros, é a destinada a axudas sociais a particulares para os próximos tres meses

Todos os grupos votaron a favor da proposta agás Terra Galega, que se abstivo. Os 423.500 euros permitirán continuar co apoio que dende os Servizos Sociais se está prestando ás persoas que, pola súa situación económica ou de especial vulnerabilidade, precisan algún tipo de axuda ou recurso, tendo en conta que a crise sanitaria supuxo novas necesidades para as familias como a obrigatoriedade de utilización de máscaras para os nenos e nenas maiores de 6 anos; pero tamén é preciso dotar de equipos de protección individual ao persoal municipal, instalar medidas de prevención nos postos de atención ao público e achegar material hixiénico-sanitario a todas as dependencias e servizos municipais, desinfectar espazos e locais, colocar novos sinais, incrementar o servizo de limpeza dos colexios e os controis de calidade da auga, instalar sistemas de control de aforo para accesos a instalacións deportivas e culturais ou acondicionar un espazo na Casa do Concello para controlar o acceso.

A partida máis elevada, con 115.000 euros, é a destinada a axudas sociais a particulares para os próximos tres meses; pero, por exemplo, en mamparas, que na súa maioría se colocarán no Conservatorio Profesional de Música, investiranse 30.000 euros, e para o reforzamento do servizo de limpeza nos colexios para cumprir co protocolo da Xunta destinaranse 45.800 euros só nun trimestre, aos que se suman 1.700 das escolas infantís.

Outros asuntos

Rubén Lorenzo, en primeiro plano, foi felicitado polo alcalde

Rubén Lorenzo, en primeiro plano, foi felicitado polo alcalde

O pleno ordinario de setembro, celebrado este luns 28, comezou coa felicitación do alcalde, Evencio Ferrero, e no nome de toda a corporación, ao concelleiro do Partido Popular Rubén Lorenzo pola súa recente toma de posesión como deputado no Parlamento de Galicia. Debido á ausencia da concelleira do BNG Maruxa Suárez por motivos de saúde, a corporación quedou reducida a 20 membros.

Por unanimidade foi aprobada unha nova bonificación de impostos, neste caso do 60%, para unha empresa de materiais de construción de nova implantación no polígono industrial de Bértoa. Con respecto á modificación da ordenanza do Ciclo Integral da Auga, en cumprimento do contrato vixente, BNG e PP votaron a favor, mentres que o PSOE abstívose e TeGa votou en contra.

Na quenda de rogos e preguntas, Terra Galega cuestionou distintos aspectos da Escola de Hostalaría, das axudas Sempre Carballo e das actuacións municipais relacionadas con distintos membros da Policía Local. O PP, pola súa banda, interesouse polo estado do proxecto do edificio social das antigas vivendas dos mestres e polo estado dos parques.

Compartir: