4 DE OUTUBRO, DÍA MUNDIAL DOS ANIMAIS
Dende o levantamento do estado de alarma desbloqueáronse as adopcións de mascotas na Canceira Municipal
O servizo municipal está aberto ao público todos os xoves e os sábados, en horario de mañá e de tarde, para que poidas coñecer a todos os peludiños
Venres 2 de outubro do 2020 Carballo ao día
Tofee, de paseo, poucos días antes de ser adoptado
Tofee, que era o peludiño que levaba máis tempo na Canceira Municipal, está dende hai xa uns días coa súa nova familia. A súa adopción alégranos especialmente, porque Tofee é un can boísimo que merece estar nun fogar onde reciba moito cariño, pero tamén porque foi a cuarta dende o levantamento do estado de alarma xunto coas de Bobbi, Brais e Tessi. Nos últimos meses, de feito, desbloqueáronse as adopcións na Canceira Municipal, e agardamos poder recuperar o antes posible (e mesmo mellorar) a media de 34 adopcións anuais dos últimos tempos.
Dende que o servizo está en marcha foi posible atopar fogar para case 250 mascotas, pero queremos que sexan moitas máis. Por iso, aproveitamos a celebración do Día Mundial dos Animais, o 4 de outubro, para lembrarche a importancia da adopción para darlles unha oportunidade a todos eses cans e gatos que son abandonados cada ano. Porque seguro que non sabías que o 25% dos animais que chegan á Canceira Municipal son animais perdidos, que acaban sendo reclamados polos seus propietarios e regresan aos seus fogares, pero a gran maioría son cans e gatos abandonados.
Se pasas estes días pola Canceira Municipal e coñeces a Rocky, Fito, Jack, Tucha, Hook, Black e Lúa, unha preciosa e cariñosa mastín que foi a última en chegar, non poderás resistirte. Se pinchas aquí podes ver os seus datos e fotos, pero convidámoste a que visites a instalación municipal, situada no polígono industrial de Bértoa, calquera xoves ou sábado de 10.00 a 13.00 e de 16.00 a 19.00 horas.
Ademais da Canceira Municipal, que é xestionada pola empresa Servigal, o Concello de Carballo mantén nestes momentos a outros 14 cans de razas potencialmente perigosas nunha instalación privada. Unha vez máis, queremos facer un chamamento á responsabilidade dos/as propietarios/as, ademais de lembrarlles que o abandono de animais de compañía está considerado coma unha falta grave na Lei de Protección e Benestar dos Animais de Compañía en Galicia, e pode supoñer sancións de 501 a 5.000 euros. Tamén é unha falta grave non ter identificados aos cans. Sen embargo, só un 16% dos que recollemos da vía pública contan con chip. Darlles unha segunda oportunidade é doado e barato. Os trámites de adopción, que inclúen xestión administrativa, vacinación e desparasitación, colocación de microchip e inscrición no Rexistro Galego de Identificacion de Animais de Compañía (Regiac) custan só 50 euros.