O Concello de Carballo recibe 8.000 mascarillas para os distintos servizos municipais a través dun convenio Goberno-FEMP
Durante o estado de alarma as distintas administracións distribuíron no noso concello máis de 70.000 máscaras cirúrxicas
Mércores 7 de outubro do 2020 Carballo ao día
Persoal de Protección Civil acudiu a recoller as mácaras
O Concello de Carballo vén de recibir un envío de 8.000 mascarillas grazas á colaboración entre o Goberno Central e a Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP) para dotar aos concellos de máis de 20.000 habitantes de medios de prevención fronte a COVID-19. As máscaras irán destinadas ao persoal dos distintos servizos municipais.
Durante o estado de alarma, as distintas administracións distribuíron no noso concello máis de 70.000 máscaras cirúrxicas. Das 33.000 que foron adquiridas polo Concello de Carballo e que representan case a metade do total, 32.000 repartíronse entre toda a veciñanza nun momento caracterizado polo desabastecemento xeneralizado de material de protección. As outras 1.000 foron utilizadas polos traballadores e as traballadoras dos servizos esencias, como Policía Local, Protección Civil, Unidade de Condutas Adictivas ou Servizos Sociais, aínda que tamén foron adquiridas 320 dos tipos FFP2 e FFP3 para o persoal máis en contacto con colectivos vulnerables.
Do Goberno Central procedeu a outra partida máis importante: por unha banda, 14.000 máscaras que foron distribuídas coa colaboración das forzas e corpos de seguridade entre os traballadores e as traballadoras do polígono industrial de Bértoa, e, por outra, 10.500 que foron utilizadas polo persoal municipal. Coas 8.000 enviadas agora sumarían un total de 32.500.
A Deputación da Coruña, pola súa banda, achegou durante o estado de alarma un total de 11.665 máscaras cirúrxicas, e a Xunta de Galicia, 3.000. Tamén colaboraron con máscaras-pantallas empresas, particulares e entidades como o IES Monte Neme.
No período comprendido entre marzo e xuño, ademais, utilizáronse case 18.000 pares de luvas (14.000 adquiridos polo Concello e 2.780, pola Xunta), 200 batas, 120 traxes de protección, 384 litros de hidroxel ou máis de 4.000 litros de desinfectante, entre outros produtos.
No suplemento de crédito que vén de aprobar o Concello de Carballo para financiar os gastos derivados da COVID-19 no último trimestre deste ano figura unha previsión de 30.000 euros para a adquisición de material sanitario para as distintas áreas e servizos municipais e máis de 130.000 para traballos e materiais de desinfección, limpeza e aseo de espazos, edificios públicos e centros de ensino.