A Xunta de Goberno Local pon en marcha o proceso de licitación do proxecto de abastecemento de auga a Lema
Na sesión de hoxe tamén foron adxudicadas as obras da rede de auga dende Santa María de Ardaña ata Canosa (Rus) por 278.034,65 euros
Martes 13 de outubro do 2020 Carballo ao día
No Castrillón xa quedaron as canalizacións listas aproveitando as obras de pavimentación
A Xunta de Goberno Local aprobou na súa xuntanza de hoxe o expediente de contratación das obras de construción da rede de abastecemento de auga ao núcleo de Lema, incluída no POS+Adicional 2019 cun orzamento de 431.876,23 euros. O obxectivo da actuación é seguir estendendo pola costa a traída municipal, que nestes momentos chega ata Razo. Nesta segunda fase instalarase a rede principal dende Razo ata Lema, que inclúe un ramal cara a praia e a conexión ás canalizacións existentes nos núcleos de Centeás, A Chamusqueira ou O Igrexario. Tamén se dará servizo ao Castrillón, onde tamén se deixaron listas as tubaxes aproveitando as recentes obras de mellora viaria do lugar. A maiores, nos núcleos de Cambre e Cambrelle está previsto acometer un específico que incluirá tanto a rede de abastecemento coma a de saneamento.
Ás numerosas obras hidráulicas que ten en marcha o Concello de Carballo, e que co abastecemento a Lema superarán os tres millóns de euros de investimento, sumarase en breve a traída dende Santa María de Ardaña ata Canosa (Rus), que foi adxudicada tamén hoxe pola Xunta de Goberno Local á empresa Excavaciones y Obras Candal S.L. por 278.034,65 euros. O proxecto permitirá abastecer de auga os lugares da Igrexa, Quintáns, Barís, O Val, O Pedreiro e Canosa. En total instalaranse 8.635 metros de tubaxes.
Escola de Xoane
En materia de contratación, hoxe tamén se aprobou a modificación do contrato co Centro Especial de Emprego Aspaber relativo ao servizo de limpeza de colexios de infantil e primaria, escolas unitarias e infantís para incorporar ao mesmo a escola de Xoane por un prezo anual de 7.115,78 euros.
Así mesmo, aprobouse a resolución contractual por mutuo acordo dos servizos de gabinete de comunicación. A Xunta de Goberno Local tamén aprobou hoxe o pago de facturas por importe de 37.979,76 euros e varias licenzas urbanísticas.