Inicio Carballo ao día Hemeroteca Carmen Machi, María Vázquez e...

Carmen Machi, María Vázquez e Andrés Lima pechan esta fin de semana o FIOT en pausa

As últimas entradas dispoñibles para os espectáculos poranse á venda o xoves 15 na plataforma web Ataquilla.com

Mércores 14 de outubro do 2020 Cultura

Escena de

Escena de "Prostitución" (Foto: Laura Ortega)

O FIOT en pausa pechará a súa programación cunha posta en escena por todo o alto. O programa de teatro promovido pola Asociación Cultural Telón e Aparte coa colaboración do Concello de Carballo acollerá a partir do venres 16, e até o domingo 18, unha fin de semana ateigada de talento con nome de muller. Actrices destacadas como Carmen Machi, María Vázquez, Nathalie Poza ou Carolina Yuste pisarán as táboas do Pazo da Cultura para dar a coñecer algunhas das propostas máis interesantes do panorama escénico galego e estatal do momento.

O xoves 15 ás 10.00 horas ábrese no web www.ataquilla.com a segunda fase de venda de entradas para os espectáculos do FIOT en pausa, de xeito que, seguindo a normativa vixente, habilitarase a posibilidade de reservar butacas individuais ou dobres até chegar a un máximo do 50% da capacidade do auditorio. Deste xeito, o público da comarca de Bergantiños terá unha nova ocasión de obter asento para observar, ao vivo, o traballo dun grupo de intérpretes que conta con numerosos galardóns, como premios Max, Goya, Unión de Actores, Feroz ou Mestre Mateo, entre outros. Xunto a este traballo actoral, ademais, destaca o acompañamento na dirección de Prostitución dun dos pratos fortes deste FIOT en pausa: Andrés Lima, gañador do Premio Nacional de Teatro 2019 e catro Premios MAX de dirección de escena.

A fin de semana comezará coa estrea absoluta de A xente 2.0, a primeira montaxe da nova compañía Amorodos Producións, conformada por María Vázquez e Víctor Duplá. Ambos artistas lideran un proxecto que explora novos formatos escénicos e que, nesta ocasión, presenta a adaptación (da propia Vázquez) dun texto de Pérez e Disla finalista dos XII 1 premios Max. A través dunha experiencia grupal, na que o público asiste cos intérpretes a unha asemblea, A xente 2.0 pon en cuestión o propio concepto da participación e as súas metodoloxías á hora de transformar a realidade.

O sábado 17 a quenda será de Liberto, de Rebordelos Producións, no Pazo da Cultura. A peza, dirixida por Tamara Canosa sobre un texto de Gemma Brió, é unha das propostas máis sorprendentes dos últimos meses na escena galega. Cun elenco conformado por Rocío González, Cris Iglesias e Lucía Aldao, Liberto pon sobre a mesa un relato silenciado sobre a maternidade, como é a morte perinatal, desde unha óptica feminista. Unha visión valente e singular que foi recoñecida polo propio sector cun total de sete candidaturas nos Premios María Casares neste 2020.

Finalmente, o domingo 18 un minucioso traballo de teatro-documento porá o punto e final a esta edición do FIOT en pausa. Prostitución, baixo a dirección de Andrés Lima, é un espectáculo teatral, musical e documental “que nace na rúa e chega ao escenario”. O propio Lima, xunto a Albert Boronat, asina unha dramaturxia na que o reparto se mergulla nun mundo ateigado de controversia. A través de textos e testimonios reais, e un proceso de investigación no que participaron tanto o equipo técnico como artístico, as galardoadas Carmen Machi, Nathalie Poza e Carolina Yuste pretenden, a través da ficción e acompañadas da música ao vivo, dar voz a quen consideran protagonista: as prostitutas.

Compartir: