Carballo é o sexto concello galego que máis inviste en obras, por riba de cidades coma Santiago, Lugo, Ourense e Ferrol
Así figura na liquidación dos orzamentos do ano 2019 que vén de facer pública o Ministerio de Facenda
Xoves 15 de outubro do 2020 Carballo ao día
Carballo forma parte dun reducido grupo de concellos que lideran ano tras ano o ránking de licitacións de obra pública que elabora a Federación Galega da Construción. Esa capacidade inversora é ratificada agora polos datos correspondentes á liquidación dos orzamentos municipais do ano 2019 que vén de publicar o Ministerio de Facenda, e que sitúan a Carballo como o sexto concello galego que máis recursos destinou a investimentos reais: 6.787.313,41 euros, concretamente.
Esta cifra colócanos por riba de cidades coma Ourense (5.170,385,78) ou Santiago (6.542.611,88), pero incluso duplicamos o orzamento de investimentos doutras coma Ferrol (3.257.649,82) ou Lugo (3.279.393,95) malia que a primeira ten case o dobre de orzamento e a segunda, máis do triplo. De feito, aínda que Carballo é o sexto concello galego que máis inviste, o noso orzamento é o décimo da comunidade autónoma.
No Concello de Carballo, os recursos destinados a investimentos reais supuxeron o ano pasado o 24,38% do orzamento total de gastos
No TOP5 dos concellos máis investidores destaca, como todos os anos, o caso de Vigo, que en números absolutos destinou a obras e infraestruturas 29 dos 245 millóns do seu orzamento de gastos, o que supón un 11,88%. Mentres, no caso de Carballo, os recursos destinados a investimentos reais supuxeron o ano pasado o 24,38% do orzamento total de gastos.
O segundo concello que máis investiu o ano pasado, aínda que a moita distancia de Vigo en números absolutos, foi Pontevedra, con 11.422.071,28 euros. En terceiro lugar situouse A Coruña, con 9.784.758,96 euros; o cuarto foi Oleiros, con 7.229.626,39, e o quinto, Arteixo, con 7.049.927,17 euros, é dicir, pouco máis de 200.000 euros de diferencia con Carballo. Por detrás do noso concello están, por esta orde, Sanxenxo, Santiago, Narón e Ourense, os únicos municipios galegos que superaron os 5 millóns de euros de investimentos no ano 2019.