Inicio Carballo ao día Hemeroteca As consecuencias da COVID-19 no ensino centraron...

As consecuencias da COVID-19 no ensino centraron a reunión do Consello Escolar Municipal

15 dos 24 membros do órgano colexiado participaron na xuntanza celebrada este mércores no CEIP Fogar

Xoves 15 de outubro do 2020 Carballo ao día

A COVID-19, como era de agardar, centrou a tradicional xuntanza de primeiros de curso do Consello Escolar Municipal. Coas clases iniciadas xa en todos os niveis, 15 dos 24 membros do órgano colexiado asistiron á reunión que se celebrou este mércores no CEIP Fogar e que estivo presidida polo alcalde de Carballo, Evencio Ferrero.

Na orde do día da sesión, que se prolongou durante dúas horas, figuraban unha valoración do último trimestre e da finalización do curso escolar 2019-2020 e a análise da situación nestes primeiros compases do período académico 2020-2021. O Consello Escolar Municipal aludiu á situación de excepcionalidade, e totalmente imprevisible, xerada polo coronavirus, pero, máis alá do que se considerou un lóxico desconcerto inicial, criticouse a tardanza no establecemento dos protocolos para garantir xa neste curso a máxima seguridade na actividade educativa.

A concelleira de Educación, Mar Eirís, dirixiuse aos participantes

A concelleira de Educación, Mar Eirís, dirixiuse aos participantes

Os representantes das familias e do profesorado referíronse a aspectos como a limpeza e desinfección tanto dos edificios coma dos autobuses do transporte escolar, pero tamén puxeron sobre a mesa a súa preocupación con respecto tanto á falta de coordinación no uso de plataformas online coma ás dificultades de acceso a Internet que padecen aínda moitas familias, sobre todo na zona rural.

No apartado de rogos e preguntas expuxéronse, sobre todo, reflexións, pero tamén cuestións sobre aspectos coma o funcionamento do transporte escolar nos colexios de Sofán e Razo, que nalgún caso obriga aos escolares a pasar ata 50 minutos no autobús.

Compartir: