A posta en valor da calidade da nosa auga e a redución do uso de plástico van da man na nova campaña de Auga de Carballo
Concello e Gestagua poñen en marcha unha iniciativa para fomentar o consumo de auga da billa nos edificios públicos e nos fogares
Venres 16 de outubro do 2020 Carballo ao día
A presentación realizouse na fonte da Praza de Galicia
A calidade da auga de Carballo é tan boa que dende o Concello, coa colaboración de Gestagua, imos levar a cabo unha campaña de promoción do seu consumo en todos os ámbitos. Presentámola hoxe, coincidindo co inicio dalgunhas das actividades que se van levar a cabo nas vindeiras semanas para intentar chegar a toda a poboación. E escollemos para este acto, no que participaron representantes municipais e da empresa concesionaria, a histórica fonte da Praza de Galicia, que foi a primeira traída de auga de Carballo e que queremos converter no símbolo da calidade da nosa auga.
“Queremos dicirlle á xente que confíe na Auga de Carballo, porque está perfectamente controlada dende o punto de vista sanitario e probablemente é unha das mellores augas que hai na zona”, apuntou Benigno López, xefe de servizo de Gestagua en Carballo. E para que sexa aínda mellor, antes dun mes procederase á posta en marcha na ETAP dun sistema de tratamento con gas ozono, que permitirá reducir o uso de cloro, o que redundará “nunha mellora do olor e do sabor”, engadiu.
O alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, que é un fiel consumidor de auga da billa de toda a vida, indicou que “se seguimos mellorando certos aspectos como o olor e o sabor, estupendo; pero, en calquera caso, sempre foi unha auga de moita calidade”.
Campaña medioambiental
Pero ademais de poñer en valor a calidade da nosa auga, da que se di que é un ingrediente fundamental da fama do Pan de Carballo, a campaña tamén ten un importante contido medioambiental, xa que paralelamente trátase de reducir o uso de plástico. Nese sentido, e para dar exemplo, nas vindeiras semanas tamén se realizará a instalación de fontes de auga da billa nos edificios públicos e repartiranse botellas de vidro ao persoal municipal.
Carabela empezou hoxe o seu percorrido polos coles
A maiores, hoxe arrincou tamén unha campaña específica para o alumnado de primaria que consistirá nunha serie de actuacións dunha versión reducida de “Carabela”, a peza teatral de Galeatro que trata de incidir, precisamente, na redución do uso do plástico, e no reparto de botellas reutilizables de aluminio a todos os nenos e nenas. Comezamos nos coles A Cristina e Nétoma-Razo, e a vindeira semana completaremos o percorrido polo resto dos centros públicos de primaria.