Inicio Carballo ao día Hemeroteca Validadas no primeiro mes un total de 12.995...

O PRAZO SEGUE ABERTO ATA O 15 DE NOVEMBRO

Validadas no primeiro mes un total de 12.995 solicitudes da tarxeta-bono “Sempre Carballo”

A semana pasada comezou o envío a domicilio das tarxetas, a razón de 1.000 ao día, xunto cunha carta informativa que é importante ler ben e conservar

Luns 19 de outubro do 2020 Carballo ao día

No primeiro mes da campaña “Sempre Carballo” foron validadas un total de 12.995 das 13.322 solicitudes recibidas. Segundo o balance elaborado polo equipo técnico encargado do programa, 28 foron denegadas por non acadar a persoa solicitante a idade mínima de 18 anos, 65 por non figurar non padrón municipal de habitantes e 44 por duplicidade con datos erróneos. As outras 190 están pendentes da modificación ou comprobación de datos.

Ao tempo que continúa a tramitación de solicitudes, xa que o prazo continúa aberto ata o 15 de novembro, a semana pasada comezaron a chegar aos domicilios as primeiras tarxetas, que son enviadas directamente dende a entidade bancaria colaboradora a razón de 1.000 diarias. Xunto coa tarxeta remítese unha carta que é moi importante conservar, xa que inclúe as claves persoais e as instrucións necesarias para activar a tarxeta. O proceso é moi sinxelo, como podes ver no vídeo que atoparás máis abaixo.

Lembramos que a tarxeta “Sempre Carballo”, que ten un saldo de 30 euros, entregarase de balde a todas as persoas maiores de idade e con residencia no noso concello (a data de empadroamento debe ser anterior ao 31 de xullo deste ano) que a soliciten. O trámite de solicitude tamén é moi sinxelo. Só hai que entrar na páxina web www.semprecarballo.gal e cubrir un formulario. É moi importante revisar ben os datos antes de envialos. A tarxeta será enviada ao domicilio que figura no Padrón Municipal de Habitantes pola entidade bancaria que as xestiona, xunto coas instrucións precisas para activala e poder utilizala nun total de 272 establecementos dos máis variados sectores, como podes ver na imaxe inferior.

Os 30 euros poderán consumirse ata o 30 de novembro.

Vídeos

Compartir: