Inicio Carballo ao día Hemeroteca En marcha as obras de mellora dos pavimentos con...

En marcha as obras de mellora dos pavimentos con cemento en tres espazos rurais singulares

As obras do campo da festa de Oza están moi avanzadas, e a partir da vindeira semana acometeranse as actuacións previstas en Rus e Artes

Mércores 21 de outubro do 2020 Carballo ao día

Aínda que as xuntanzas dos consellos parroquiais están suspendidas a causa da situación sanitaria provocada pola COVID-19, o Concello de Carballo continúa atendendo as peticións emanadas destes órganos de participación veciñal e dando resposta ás prioridades establecidas en cada unha das parroquias.

A principal demanda do Consello Parroquial de Oza, que consistía na extensión da rede de auga a toda a parroquia, está en vías de solución, xa que as obras da canalización ata Serantes, que tamén chegará á veciña parroquia de Goiáns, están en fase de contratación, e existe ademais o compromiso de levar o servizo ao lugar de Vilar de Uz, completando deste xeito todos os núcleos.

Pero en Oza tamén se estableceu como prioritario o acondicionamento do campo da festa despois da súa adquisición utilizando a fórmula de participación ao 50% entre o Concello e a veciñanza, que está permitindo crear unha rede de equipamentos públicos que responde á demanda e ás necesidades reais da poboación das distintas parroquias. Esa actuación estase en execución nestes momentos dentro do proxecto denominado “Conservación e mellora de pavimentos en varios lugares de Rus, Artes e Oza”, adxudicado á empresa Vázquez y Reino por 281.022,50 euros procedentes do superávit do ano 2018. De feito, os 1,3 millóns de euros resultantes da liquidación do orzamento do 2018 van destinados na súa totalidade á mellora dos servizos na zona rural segundo as peticións recollidas nos consellos parroquiais.

Visita ás obras

O alcalde, Evencio Ferrero, e o concelleiro de Obras e Servizos, Luis Lamas, achegáronse hoxe ata Oza, onde puideron comprobar que as obras están case listas. O proxecto inclúe a pavimentación do campo da festa, así coma dos accesos ao mesmo, con cemento e con cespeado portante para a zona de estacionamento. 

A partir da próxima semana levaranse a cabo as outras dúas actuacións incluídas no proxecto. En Rus, tras o soterramento do cableado da contorna da igrexa, acondicionarase a zona con cemento, o que permitirá, en palabras do alcalde, “darlle realce e prestixio, como merece a igrexa”. E en Artes, onde xa se empezou cos traballos previos ás obras, daráselle resposta á principal demanda do consello parroquial, que, despois do arranxo do centro social e da instalación da rede de saneamento, priorizou a pavimentación da pista.

Compartir: