Inicio Carballo ao día Hemeroteca Ecovidrio e o Concello de Carballo presentan a...

A XUNTA LOCAL DA AECC APOIA A INICIATIVA

Ecovidrio e o Concello de Carballo presentan a campaña “Recicla vidro por elas” arredor do Día Mundial contra o Cancro de Mama

Os ingresos pola reciclaxe do vidro irán destinados a proxectos de investigación e prevención a través da Fundación Sandra Ibarra

Xoves 22 de outubro do 2020 Carballo ao día

Ecovidrio, a entidade sen ánimo de lucro encargada da xestión da reciclaxe dos residuos de envases de vidro en España, pon en marcha por quinto ano consecutivo a campaña “Recicla vidro por elas”, que chega por primeira vez a Carballo grazas á colaboración do Concello e que conta ademais co apoio da Xunta Local da Asociación Española contra o Cancro.

A presidenta da asociación carballesa, Ana Casais, acompañada por outra compañeira da xunta directiva; a concelleira de Igualdade, Benestar e Sanidade, Maica Ures, e o alcalde, Evencio Ferrero, presentaron a iniciativa xunto aos dous colectores de cor rosa que quedaron colocados nesta xornada na rúa Coruña, e que permanecerán durante os próximos días a disposición da veciñanza. A iniciativa persegue, por unha banda, mobilizar á cidadanía para avanzar na reciclaxe dos envases de vidro, e, por outra, contribuír a unha causa solidaria, xa que Ecovidrio transformará os envases de vidro que se depositen nos colectores nunha doazón á Fundación Sandra Ibarra de Solidariedade fronte ao Cancro.

Con esta campaña, na que participan 140 cidades de todo o territorio nacional, Carballo tamén se suma ao labor de investigación, sensibilización e prevención que desenvolve a Fundación Sandra Ibarra. Neste sentido, a concelleira Maica Ures subliñou a importancia de dedicar todos os recursos posibles a eses campos, ao tempo que pediu que a COVID-19 non supoña un freo á investigación sobre o cancro nin á atención e detección precoz, tan importantes no tratamento da enfermidade.

Sobre a Fundación Sandra Ibarra

A Fundación Sandra Ibarra é unha organización sen ánimo de lucro cunha traxectoria de doce anos sumando esforzos fronte ao cancro, unha enfermidade que nos incumbe a todas e todos. Durante estes anos, a Fundación investiu o seu tempo en dar impulso a campañas e financiar proxectos de investigación, sensibilización e prevención fronte ao cancro, así como ao desenvolvemento da humanización da sanidade.

Concretamente, en bolsas á investigación as doazóns realizadas superan os 2 millóns de euros ata a data. Nos últimos anos, a Fundación detecta que, grazas a ese investimento fundamental en investigación, aumentaron os índices de supervivencia e con iso xorde un novo paciente ao que hai que ofrecer unha atención sanitaria específica inexistente ata o momento: o sobrevivente de cancro.

É por isto polo que no ano 2017, co obxectivo de facer fronte ás necesidades asistenciais existentes durante a enfermidade e as que xorden no período de transición no que xa non hai tumor nin tratamento, pero aparecen outras secuelas físicas e necesidades emocionais e sociais, nace a primeira escola de pacientes e sobreviventes de cancro, a Escola de Vida da Fundación Sandra Ibarra.

A Casa do Concello iluminouse de cor rosa no Día Mundial contra o Cancro de Mama como símbolo de apoio ás persoas que sofren a enfermidade

A Casa do Concello iluminouse de cor rosa no Día Mundial contra o Cancro de Mama como símbolo de apoio ás persoas que sofren a enfermidade

Compartir: