Inicio Carballo ao día Hemeroteca O Concello de Carballo convida aos nenos e nenas...

O Concello de Carballo convida aos nenos e nenas a participar na decoración e no coidado dos xardíns

A partir de hoxe poden depositar as súas cabazas decoradas nos espazos sinalizados das zonas verdes da Praza Eduardo Pondal, na contorna do CEIP Bergantiños

Venres 23 de outubro do 2020 Carballo ao día

Aínda que a intención inicial era organizar unha actividade grupal, a situación sanitaria provocada polo coronavirus obríganos a modificar o formato, pero non o obxectivo: a participación dos nenos e nenas na decoración dos xardíns para implicalos no coidado das zonas verdes tanto dende unha perspectiva medioambiental como dende a promoción dunha conciencia cívica cara os bens comunitarios, fomentando ademais a creatividade infantil.

A actividade coincide coa plantación que vimos de realizar nas zonas verdes da Praza de Galicia, a Praza da Cruz Vermella e a Praza Eduardo Pondal, nas que locen xa numerosos exemplares de "Chrysanthemum indicum" en diferentes cores e tamén as cabazas. Hoxe o alcalde, Evencio Ferrero, acompañado por persoal da Brigada de Xardíns e da área de Medio Ambiente, realizou un percorrido por todas elas.

Este ano, nos xardíns da Praza Eduardo Pondal, na contorna do CEIP Bergantiños, reservamos uns espazos para que os nenos e nenas poidan achegar tamén as súas cabazas, que poderán decorar dando renda solta á súa imaxinación. A colocación farase por libre, pero só nas zonas sinalizadas con letreiros como o que podedes ver na imaxe. Así seguiremos enchendo de cor eses espazos baleiros, utilizando ademais un elemento tan característico desta época de Samaín.

De cara ao vindeiro ano, no que seguiremos traballando para mellorar a imaxe do noso pobo con máis e mellores zonas axardinadas, o obxectivo é estender a iniciativa ás contornas doutros centros escolares, implicando tamén á comunidade educativa.

Compartir: