AS FORZAS DE SEGURIDADE CONSTATAN UN DESCENSO DA DELINCUENCIA
A Xunta Local de Seguridade aprobou novos instrumentos para combater a violencia de xénero no noso concello
• Os accidentes de tráfico na zona urbana reducíronse un 40% como consecuencia do confinamento pola COVID-19
Xoves 29 de outubro do 2020 Carballo ao día
Os dous acordos adoptados hoxe pola Xunta Local de Seguridade están orientados a combater a violencia machista. Con esa finalidade foron aprobadas, por unha banda, a renovación do convenio entre o Ministerio do Interior e o Concello de Carballo para a incorporación da Policía Local ao sistema de seguimento integral nos casos de violencia de xénero (Viogén), e, por outra, a modificación do protocolo de colaboración entre a Garda Civil e a Policía Local para garantir o cumprimento das medidas xudiciais de protección ás vítimas de violencia machista, así como a actualización das referencias normativas coa incorporación do novo protocolo para a valoración policial de nivel de risco, a xestión da seguridade das vítimas e o seguimento dos casos a través do sistema Viogén.
Ademais de adoptar estes dous acordos, os representantes dos distintos corpos e forzas de seguridade fixeron balance das respectivas competencias, constatando un importante descenso da delincuencia con respecto ao ano pasado. De feito, a Garda Civil cualificou como bos os datos relativos a infraccións e delitos.
Na mesma liña, dende Protección Civil realizouse un balance moi positivo do comportamento da cidadanía nas praias no primeiro verán da era COVID-19. A Policía Autonómica, pola súa banda, deu conta da súa colaboración en materias de incendios, residuos ou urbanismo.
Tamén se abordaron na Xunta Local de Seguridade os recentes actos vandálicos na zona urbana. Destacan especialmente os datos sobre seguridade viaria que ofreceu a Policía Local, xa que entre xaneiro e setembro rexistráronse na zona urbana 191 accidentes de tráfico, 131 menos que no mesmo período o ano anterior debido, fundamentalmente, ao confinamento durante o primeiro estado de alarma. Por este mesmo motivo reducíronse case na mesma porcentaxe as denuncias por infraccións de tráfico.
Participantes
Na Xunta Local de Seguridade participaron o alcalde de Carballo, Evencio Ferrero; a subdelegada do Goberno na provincia da Coruña, Pilar López-Riobóo; o concelleiro de Seguridade, Juan Seoane; as concelleiras Milagros Lantes, do grupo de goberno do BNG, e Paula Nogueira, do PP, como partido maioritario da oposición; o xefe da Policía Local, Roberto Mosquera; o coordinador de Protección Civil, Javier Souto; o coronel da Comandancia da Garda Civil da Coruña, Francisco Javier Jambrina; o comandante do posto principal da Garda Civil de Carballo, Pablo Martínez Tortosa; o inspector da Unidade Adscrita da Policía Autonómica, Antonio Nieto Lamas; a xefa da Unidade de Violencia de Xénero da Subdelegación do Goberno, Isabel Álvarez, e a técnica de Administración Xeral do Concello, Susana Mariño, en calidade de secretaria. Ademais, como convidados/as, en representación dos outros dous partidos da oposición, asistiron María Torres, do PSOE, e Andrés Eirís, de Terra Galega.
A subdelegada do Goberno agradeceu especialmente as medidas de carácter social establecidas polo Concello de Carballo e a colaboración entre as institucións e as forzas de seguridade durante a crise sanitaria provocada pola COVID-19.