REUNIÓN DA COMISIÓN DE SEGUIMENTO
Garda Civil, Policía Local e Protección Civil coordínanse para velar polo cumprimento das normas anti COVID nos cemiterios
Venres 30 de outubro do 2020 Carballo ao día
A comisión reuniuse hoxe no salón de plenos
A comisión de seguimento da evolución da COVID-19 no noso concello celebrou hoxe unha nova xuntanza para abordar, en primeiro lugar, a necesaria colaboración entre corpos de seguridade e emerxencias de cara ás inminentes celebracións de Defuntos. Neste sentido, Garda Civil, Policía Local e Protección Civil acordaron actuar de forma coordinada para velar polo cumprimento das normas de prevención nas 18 parroquias, polas que se realizarán patrullas itinerantes.
Ao protocolo elaborado nunha recente xuntanza entre concello e parroquia únense as medidas de obrigado cumprimento establecidas posteriormente pola Xunta de Galicia, e que engaden, ademais da redución do aforo, a limitación dos grupos de visitantes a un máximo de catro persoas e reducen a 30 minutos o tempo recomendado de estancia nos camposantos.
No cemiterio de Carballo, o único municipal, habilitouse unha porta de entrada e outra de saída, que están debidamente sinalizadas, así coma os percorridos polo interior do recinto. Tamén se incrementou o número de dispensadores de xel hixienizante e colocáronse carteis informativos sobre as medidas de prevención da COVID-19, para as que se prega o máximo respecto por parte da veciñanza.
Lembramos que as misas dos días 1 e 2 de novembro non se celebrarán no cemiterio, senón na igrexa parroquial. Os horarios serán os habituais: o día 1, ás 17.00 horas, e o día 2, ás 11.00 horas. O aforo da igrexa está limitado ao 50%.
Aínda que á hora na que se celebrou a comisión de seguimento non se coñecían as últimas medidas adoptadas pola Xunta sobre o peche perimetral de varios concellos, os asistentes realizaron unha valoración da situación xeral da pandemia e puxeron sobre a mesa distintas opcións en función da evolución. Por parte do Concello de Carballo, dado que continuamos en nivel de alerta 3, decidiuse reforzar as medidas de limpeza e desinfección en edificios e espazos públicos.
Á xuntanza de hoxe asistiron o alcalde, Evencio Ferrero, os concelleiros Juan Seoane e Luis Lamas, a concelleira Milagros Lantes, o xefe da Policía Local, o coordinador de Protección Civil, o tenente do posto da Garda Civil e o secretario municipal. En principio, salvo que as circunstancias varíen, volverán a reunirse o 16 de novembro.
Ligazóns
- ORDE do 21 outubro de 2020 pola que se establecen medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada do COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia
- DECRETO 178/2020, do 30 de outubro, do presidente da Xunta de Galicia, polo que se adoptan medidas en determinados ámbitos territoriais da Comunidade Autónoma de Galicia para facer fronte á crise sanitaria