A Brigada Municipal de Xardíns realiza unha revisión das árbores de maior porte previa á campaña anual de poda
Un especialista da poda en altura percorreu esta semana as zonas verdes
Venres 30 de outubro do 2020 Carballo ao día
A Brigada Municipal de Xardíns anticipa a campaña anual de poda, que normalmente empeza en novembro, cunha revisión das árbores de maior porte situadas en espazos públicos. Trátase dunha poda en altura, porque os xardineiros teñen que traballar a moita máis altura da normal, polo que, ademais de saber utilizar as ferramentas de xardinería, é preciso saber trepar con seguridade polos troncos. Xardineiros especializados neste tipo de tarefas son os encargados da revisión de todas as zonas verdes.
O obxectivo da poda en altura é, por unha banda, favorecer o crecemento e o axeitado desenvolvemento da árbore, e, por outra, acceder a partes da copa nas que poida haber pólas en mal estado ou con risco de desprendemento, garantindo deste xeito a seguridade nos espazos de uso público.
Os traballos que se desenvolveron ao longo desta semana complementaranse a partir de novembro coa campaña de poda e revisión de todas as zonas verdes do concello.