Inicio Carballo ao día Hemeroteca Despois das sete cidades, Carballo é o...

Despois das sete cidades, Carballo é o concello galego no que máis vidro se recicla

Estes días, ademais, se utilizas os colectores de cor rosa situados na rúa Coruña tamén contribuirás á loita contra o cancro

Venres 30 de outubro do 2020 Carballo ao día

Depositando o vidro nestes colectores axudarás na loita contra o cancro

Depositando o vidro nestes colectores axudarás na loita contra o cancro

Segundo os datos facilitados por Ecovidrio, no ano 2019 recicláronse no noso concello un total de 718 toneladas de envases de vidro, o que supón unha media de 22,9 quilos por habitante, que nos sitúa como o concello galego no que máis vidro se recicla despois das sete cidades. Ademais de facerlle un favor ao medio ambiente, estes días tamén vas contribuír a unha boa causa, a loita contra o cancro, se utilizas os colectores de cor rosa que están situados na rúa Coruña para depositar o vidro.

Os colectores son o símbolo da campaña “Recicla vidro por elas”, unha iniciativa de Ecovidrio que chega por primeira vez a Carballo grazas á colaboración do Concello e que conta ademais co apoio da Xunta Local da Asociación Española contra o Cancro. Canto máis vidro depositemos neles, maior será a doazón de Ecovidrio á Fundación Sandra Ibarra de Solidariedade fronte ao Cancro. Quedan moi poucos días, así que súmate e colaborarás con dúas boas causas.

Ecovidrio é a entidade sen ánimo de lucro encargada da xestión do reciclado de residuos de envases de vidro en España. A súa misión é garantir o reciclado de alta calidade a través do contedor, potenciar as infraestruturas de contenerización e recollida, investir en plans e recursos destinados a incrementar a reciclaxe de envases de vidro na hostalaría, mobilizar á cidadanía a través de campañas de sensibilización e promover a prevención e o ecodeseño nos envases. Deste xeito, por exemplo, ademais dos dous colectores de cor rosa, cun deseño relacionado co cancro de mama, este ano tamén se colocaron nas praias colectores específicos da campaña eu quero Razo-Baldaio.

No noso concello están instalados un total de 309 iglús nos que podes depositar os envases de vidro, é dicir, hai un colector por cada 101 habitantes. Utilizalos correctamente permitiranos contribuír ao desenvolvemento sostible, fomentar a transición cara a economía circular e loitar contra o cambio climático.

Compartir: