O PRAZO DE SOLICITUDE SEGUE ABERTO ATA O 15 DE NOVEMBRO
A campaña “Sempre Carballo” entra no seu último mes con máis de 15.000 tarxetas validadas
As tarxetas-bono son enviadas aos domicilios xunto coas instrucións precisas para activalas e utilizalas en 272 establecementos dos máis variados sectores
Venres 30 de outubro do 2020 Carballo ao día
Busca os distintivos de "establecemento adherido"
A campaña “Sempre Carballo” entra no seu último mes con máis de 15.000 tarxetas validadas e numerosas compras xa nos establecementos adheridos. Se queres saber onde podes consumir os 30 euros bótalle unha ollada a páxina www.semprecarballo.gal ou busca nos escaparates a etiqueta adhesiva que os identifica. Hai 272 negocios, e representan a todo tipo de sectores: arranxos, bar e cafetería, bazar, bebidas, carpintaría, maquinaria agrícola, restaurantes, nutrición, papelería, taller mecánico, beleza, saúde... o comercio e o emprendemento local agardan por ti!
A cifra de solicitudes achégase ás 16.000, pero o prazo continúa aberto ata o 15 de novembro para todas as persoas maiores de idade e empadroadas no noso concello a 31 de xullo deste ano. Só hai que entrar na web do programa, cubrir o formulario de solicitude e dentro duns días recibirás a tarxeta no teu domicilio xunto cunha carta que é moi importante conservar, xa que inclúe as instrucións para a activación da tarxeta. Cando realices ese trámite xa poderás gastar os 30 euros da subvención que che ofrece o Concello de Carballo no que ti queiras, pero sempre no comercio local e antes do 30 de novembro.