A rede municipal de centros sociais continúa estendéndose para chegar neste mandato a todas as parroquias
Remataron as obras de acondicionamento da antiga escola de Aldemunde para que, cando a situación sanitaria o permita, tamén poida ser utilizada pola veciñanza
Luns 2 de novembro do 2020 Carballo ao día
Así de ben quedou a antiga escola de Aldemunde
A rede municipal de centros sociais segue estendéndose polo territorio unha vez finalizadas as obras de reforma da antiga escola unitaria de Aldemunde. O edificio, que estará a disposición da veciñanza tan pronto como a situación sanitaria o permita, ten novo tellado e ventás, aseo adaptado, está pintado por dentro e por fóra e conta co mobiliario imprescindible para ser utilizado. O investimento da reforma acadou os 25.865,15 euros, que se suman aos 100.000 que destinamos ao acondicionamento da praza e a mellora da accesibilidade ao edificio.
O obxectivo do Concello de Carballo é que a rede de centros sociais chegue a todas as parroquias. A única que carece dun equipamento deste tipo nestes momentos é a de Goiáns, pero xa está aprobada de maneira definitiva a modificación urbanística do ámbito no que será construído e o próximo paso será a redacción do proxecto, consensuado co movemento asociativo da parroquia.
Acceso ao novo Centro Social de Bértoa
Este ano remataron tamén as obras dos centros sociais de Bértoa e Lema, nas que realizamos un investimento próximo aos 600.000 euros, e que, por mor da crise sanitaria, están tamén pendentes de apertura. En Bértoa construímos un inmoble de nova planta nunha parcela de 5.882 metros cadrados situada xunto á zona verde do parque empresarial de Bértoa. O edificio, de 530 metros cadrados, consta de dous volumes construídos baixo unha mesma cuberta. Nun deles sitúase un auditorio de 107,8 metros cadrados, ademais de almacéns, aseo e hall. No outro, destinado á actividade diaria, hai unha aula de informática, un salón social, unha oficina, aseos e hall. No exterior destacan a zona de barbacoa e o patio, así como o axardinamento que vimos de realizar.
A obra do Centro Social de Lema tamén incluíu un parque infantil e biosaudable
En Lema aproveitouse a estrutura da antiga escola para facer un edificio practicamente novo. O centro social ten unha superficie en planta baixa de 148,80 metros cadrados útiles, con zona de cociña e barra, un despacho, dous aseos, un salón de 80 metros cadrados e un almacén. Tamén se conservou parte do soportal actual. A distribución interior cambiou por completo, actuouse en todas as fachadas exteriores, e na cuberta, ademais de renovar ventás e portas. Ademais acometeuse a urbanización de toda a parcela, que conta cunha zona de aparcamento e un parque con xogos infantís e biosaudables.