O Coworking Carballo intensifica a súa actividade con sesións de “mentoring” e un curso sobre financiamento e aspectos legais
O servizo, que ten a súa sede no Fórum, conta xa con 12 usuarios e usuarias que apostan polo emprendemento empresarial
Xoves 5 de novembro do 2020 Carballo ao día
O curso sobre fiscalidade desenvólvese de mércores a venres
No Coworking Carballo, que tivo que demorar a súa entrada en servizo a pleno rendemento por mor do estado de alarma, desenvólvese nestes momentos unha actividade moi intensa. Non só están ocupados 12 dos 18 postos dispoñibles, senón que os seus usuarios e usuarias están a recibir unha formación engadida que pode resultarlles de utilidade para acadar o éxito nos seus proxectos empresariais.
Onte mesmo arrincou un curso titulado “Financiamento e aspectos legais para emprendedores”, que imparte o carballés Herminio Angeriz Agrelo, socio fundador de Alea Asesores. Esta acción formativa, de tres xornadas de duración, ten como finalidade achegar aos emprendedores e emprendedoras información sobre liñas de financiamento ás que poden acceder, fiscalidade, cuestións laborais e contabilidade. As sesións desenvólvense de 16:30 a 18:30 nas aulas do Fórum.
Así mesmo, o tamén carballés Andrés Queijo, cofundador de Belanders, está a ofrecer sesións de mentoring aos usuarios e usuarias do Coworking Carballo, que todas as semanas traballan en reunións individualizadas co seu mentor.
O Coworking Carballo é un espazo de traballo gratuíto que se pon a disposición de novos emprendedores/as ou empresas de menos de dous anos de antigüidade, que deste xeito dispoñen dun local pero tamén dunha serie de infraestruturas, servizos e actividades que contribúen a mellorar as súas posibilidades de éxito. A sede deste novo servizo, impulsado dende a Concellaría de Promoción Económica e incluído na Rede Provincial de Espazos de Traballo da Deputación Provincial da Coruña, é o 2º andar da nave 1 do Fórum Carballo, onde tamén poden solicitar máis información as persoas interesadas.