Inicio Carballo ao día Hemeroteca En execución o abastecemento de auga dende...

En execución o abastecemento de auga dende Santa María de Ardaña ata Canosa-Rus, do que poderán beneficiarse 474 persoas

Nestes momentos están en marcha proxectos por valor de 2,5 millóns de euros para seguir estendendo a rede municipal de auga potable polas parroquias

Xoves 5 de novembro do 2020 Carballo ao día

Obras da rede de abastecemento de Santa María de Ardaña a Canosa-Rus

Obras da rede de abastecemento de Santa María de Ardaña a Canosa-Rus

O alcalde, Evencio Ferrero, e o concelleiro de Obras e Servizos, Luis Lamas, achegáronse ata Rus aproveitando o inicio das obras de abastecemento de auga ao longo da estrada provincial, entre Santa María de Ardaña e Canosa. A actuación, que foi adxudicada á empresa Excavaciones y Obras Candal por un importe de 278.034,65 euros, permitirá levar ao servizo aos lugares da Igrexa, Quintáns, Barís, O Val, O Pedreiro e Canosa, o que suporá a instalación de 8.635 metros de tubaxes. O proxecto está deseñado para garantir o subministro a unha poboación de 474 persoas, fixando como horizonte o ano 2030.

A extensión da rede municipal de auga potable é unha prioridade para o goberno municipal, como demostran os proxectos que temos en marcha nestes momentos, e que acadan os 2,5 millóns de euros de orzamento, así como o feito de que o maior investimento da historia realizado polo Concello de Carballo con fondos propios sexa o abastecemento a Oza e Razo, que está practicamente rematado. A obra, que foi adxudicada á empresa Vázquez y Reino por 1.226.456 euros, permitirá abastecer os lugares de Razo da Costa, Santa Mariña e Arnados, na parroquia de Razo, e a Vilar do Carballo, As Encrucilladas, Oza Vella, As Torres e o Rodo, na de Oza.

Para completar o servizo na parroquia de Oza e continuar estendéndoo cara a de Goiáns, xa temos tamén en contratación o proxecto de mellora da rede de abastecemento de auga para estender o subministro aos núcleos de Serantes (Oza) e Xoane (Goiáns), dando resposta deste xeito ás demandas trasladadas pola veciñanza a través dos consellos parroquiais. O investimento, incluído no POS+ 2020, acada os 171.006,65 euros. Na parroquia de Oza, que na súa maior parte benefíciase de obra de abastecemento ata Razo, tamén se está a traballar no proxecto para levar a auga a Vilar de Uz, co cal se completaría o servizo en todos os núcleos.

Tamén está en contratación o proxecto para darlle continuidade á rede dende Razo ata Lema, cun orzamento de 431.876,23 euros. Nesta fase instalarase a rede principal dende Razo ata Lema, que inclúe un ramal cara a praia e a conexión ás canalizacións existentes nos núcleos de Centeás, A Chamusqueira ou O Igrexario. Tamén se dará servizo ao Castrillón, onde tamén se deixaron listas as tubaxes aproveitando as recentes obras de mellora viaria do lugar. A maiores, nos núcleos de Cambre e Cambrelle está previsto acometer un específico que incluirá tanto a rede de abastecemento coma a de saneamento.

Entre os proxectos en contratación tamén figura o de saneamento e abastecemento aos lugares do Curro, Aseñado, A Chavella, O Alto e A Redonda, coas que daremos servizo a un total de 32 vivendas e completaremos as redes na parroquia de Berdillo. O investimento acada os 275.000 euros.

E ademais vimos de adxudicar á empresa Vázquez y Reino, por un importe de 104.583,68 euros, a ampliación das redes de saneamento e abastecemento no lugar de Vella Morta, que permitirá dar servizo ás vivendas situadas na estrada Carballo-Razo e renovar un treito que está moi deteriorado. En total instalaranse 525 metros de rede e 14 pozos de rexistro, así coma un bombeo. As obras tamén inclúen a rede de abastecemento de auga, en dous ramais de 443 e 14 metros de lonxitude ao longo da estrada provincial, e tamén unha boca de rego.

Compartir: