Inicio Carballo ao día Hemeroteca O Centro Municipal de Formación incorpora...

O Centro Municipal de Formación incorpora un sistema de soldadura pioneiro en Galicia que elimina todas as emisións

O alumnado do curso AFD, que rematará o día 10 a súa formación, asistiu a unha sesión práctica sobre o funcionamento do equipo

Venres 6 de novembro do 2020 Carballo ao día

Despois de converterse no primeiro centro galego en utilizar simuladores para a formación en soldadura, o Centro Municipal de Formación volve a ser pioneiro ao incorporar un equipo que funciona con auga destilada, o que permite eliminar todas as emisións, mellora a seguridade e suprime o risco de incendio causado por unha chispa. Técnicos da empresa Castolín Eutectic, líder mundial no sector, achegáronse ata as instalacións do Fórum Carballo para realizar unha demostración práctica do funcionamento do equipo.

A principal vantaxe que ofrece este novidoso sistema é medioambiental, xa que permite desbotar o propano. No noso Centro Municipal de Formación, a aula de soldadura xa está dotada cun sistema de auto-recollida de residuos, polo que o compromiso medioambiental queda patente dende a apertura da instalación, pero agora eliminaremos todas as emisións.

Ademais de evitar calquera tipo de contaminación, tal como explicou o monitor de soldadura, Manuel Formoso, redúcense custos, xa que o equipo só precisa auga destilada para funcionar, e ademais non se produce chispa, polo que tampouco son precisas as pantallas protectoras.

O alumnado de soldadura, que está xa na fase final da súa formación en aula, posto que o curso rematará o vindeiro martes 10, achegouse ata a nave para asistir á demostración e realizar as súas primeiras prácticas con este innovador sistema. A sesión formativa coincidiu cunha visita ao Fórum do concelleiro Juan Seoane, que aproveitou para interesarse polo funcionamento do novo equipo.

Compartir: