O Concello de Carballo pon en valor o conxunto etnográfico do lavadoiro do Piñeiro, en Entrecruces
O alcalde, Evencio Ferrero, e o concelleiro de Obras e Servizos, Luis Lamas, visitaron as obras, que están xa na recta final
Sábado 7 de novembro do 2020 Carballo ao día
O conxunto etnográfico do lavadoiro do Piñeiro, na parroquia de Entrecruces, ofrece xa un aspecto totalmente renovado, aínda que o proxecto de reforma e adecuación do espazo público non está completamente rematado. O Concello de Carballo está a desenvolver un proxecto que responde á petición da veciñanza a través do Consello Parroquial e que permitirá poñer en valor un conxunto singular dentro do noso concello cun investimento próximo aos 50.000 euros. O alcalde, Evencio Ferrero, e o concelleiro de Obras e Servizos, Luis Lamas, puideron comprobar o avanzada que está a execución do proxecto.
No perímetro da actuación atópanse un muíño e hórreos de titularidade privada que están incluídos no catálogo de protección do PXOM. O proxecto incluíu a demolición do antigo lavadoiro, chanzos, muros, varandas e soleira de formigón para crear un novo espazo con muros e pavimento de pedra, rampla de acceso, un lavadoiro e varandas. As canalizacións de auga potable foron substituídas e soterradas e tamén se creará unha presa no regato para o abastecemento do lavadoiro. A limpeza e o arranxo da fonte pública completará a reforma, que está a executar a empresa local Vázquez y Reino.