Inicio Carballo ao día Hemeroteca Entra en servizo a nova rede de hidrantes do...

Entra en servizo a nova rede de hidrantes do polígono industrial de Bértoa, co-financiada pola Xunta e o Concello

O alcalde, Evencio Ferrero, acompañou hoxe ao delegado provincial da Xunta, Gonzalo Trenor, nunha visita ao parque empresarial

Luns 9 de novembro do 2020 Carballo ao día

Xa está en servizo a nova rede de hidrantes do polígono industrial de Bértoa, “unha vella aspiración, tanto da comunidade de propietarios coma dos servizos de emerxencias, que garanten unha maior seguridade das persoas que apostaron por Carballo e teñen aquí a súa actividade empresarial”, tal como manifestou o alcalde. Evencio Ferrero acompañou este luns ao delegado provincial da Xunta, Gonzalo Trenor, nunha visita ao parque empresarial para comprobar o funcionamento dos hidrantes. A nova rede, que supuxo un investimento de 86.500 euros, foi financiada nun 80% pola Xunta e nun 20% polo Concello.

Ademais de expresar o seu desexo de que non teñan que chegar a utilizarse, o alcalde sinalou que a función dos hidrantes é “cubrir necesidades dun aporte de auga dun caudal moi grande, por exemplo cando hai incendios. Na ampliación do polígono xa se incluíu ese servizo, pero a fase na que nos atopamos comezou a desenvolverse nos anos setenta e carecía deles, cando é unha infraestrutura de absoluta necesidade”, engadiu o alcalde.

O proxecto desenvolvido incluíu, ademais da rede de hidrantes para incendios, a substitución dun treito da rede de abastecemento de auga na contorna da rotonda de acceso ao parque industrial.

Durante a visita de hoxe, na que tamén participaron os concelleiros Juan Seoane e Luis Lamas e representantes do empresariado do polígono, tamén se puxo sobre a mesa a necesidade dunha nova ampliación do solo industrial, que, en palabras do delegado provincial da Xunta, “atenderase segundo a demanda que haxa”.

Compartir: