Inicio Carballo ao día Hemeroteca A evolución da crise sanitaria obriga a...

A evolución da crise sanitaria obriga a trasladar á rede todas as actividades do Carballo Interplay

O CIP aproveitará a súa primeira edición 100% dixital para analizar como as tecnoloxías emerxentes transforman festivais e espazos físicos en contidos multipantalla

Martes 10 de novembro do 2020 Cultura

A distancia social imposta pola pandemia obrigou á maioría de festivais de cine e audiovisual a reiventarse neste 2020, ou, cando menos, a expandir o seu alcance na rede máis alá da presenza física. O Carballo Interplay non é unha excepción. Despois de adiar a súa VII edición, prevista para a primavera, como consecuencia da chegada da primeira onda da COVID-19, a organización do festival deseñou unha versión "híbrida" para os días 18, 19, 20 e 21 de novembro co obxectivo de complementar as retransmisións vía streaming con actividades presenciais, con aforos reducidos e observando todas as medidas dictadas polas autoridades sanitarias, que finalmente tampouco poderá ser.

"A propia realidade obrigounos a trasladarnos a esta época de pandemia _di o alcalde de Carballo, Evencio Ferrero_ "e a cumprir con todas as normativas sanitarias en cada momento". "A cultura é segura _afirma a directora do Carballo Interplay, Sonia Méndez,_ dende a organización do festival non temos dúbida ningunha ao respecto, pero a evolución da crise sanitaria e as restricións de movemento dictadas polos distintos gobernos autonómicos ao longo dos últimos días para afrontar esta segunda onda da Covid obríganos a repensar a conveniencia de manter as actividades presenciais nestas condicións". "O Carballo Interplay é un festival de contidos dixitais _recorda_ vimos da Internet e este ano imos ter que volver á rede, para coidar, para coidarnos e para demostrar que a esencia do festival non reside en nada máis que en compartir creatividade e amor dixital, ben sexa en persoa ou a través das plataformas". Todas as actividades do festival poderán verse de xeito libre e gratuíto a través de varias plataformas (Youtube, Facebook e Twitch), o programa está dispoñible na web do Interplay. "Benvidos, benvidas de novo a Carballo _remata o alcalde_ e, malia que as circunstancias son distintas, que o desfrutemos coma nunca".

Tecnoloxías en tempos de pandemia

A organización do festival quere aproveitar a ocasión para analizar como as tecnoloxías poden transformar espazos físicos en espazos virtuais, axudándonos a adaptar eventos e a construír ou reconstruír novos mundos. Para facelo, o Interplay volve a mirada cara ás posibilidades creativas que ofrecen os efectos dixitais, a realidade virtual e mixta ou a intelixencia artifical, tanto para a industria audiovisual como para a arte ou o patrimonio cultural. Os especialistas Carlos Seijo (Maxina) e Toño Cabanelas (Liveforevr) explicarán como en tempos de distancia social, nos que as interaccións están máis que nunca mediadas pola pantalla, as tecnoloxías emerxen para crear novos mundos pero tamén para achegarnos doutro xeito aos mundos que xa coñecemos, nunha actividade que conta coa colaboración da Asociación Galega de Proferionais da Dirección e da Realización (CREA).

A directora do Carballo Interplay, Sonia Méndez, falará con Ana Domínguez (directora do S8) e Ángel Sánchez (director do Play Doc) sobre as fórmulas aplicadas polos festivais audiovisuais galegos no contexto da pandemia do coronavirus, como a colaboración con plataformas de streaming, a creación de contidos específicos para a rede ou o deseño de actividades para a súa produción e retransmisión online. Estas novas propostas son conxunturais ou viñeron para quedar? Cara a onde camiña o futuro destes eventos? Que novos formatos de festivais visualizamos para os vindeiros anos? Que aprendemos da experiencia deste ano? Esta conversa, que se poderá ver en streaming, coma o resto das actividades do festival, está organizada en colaboración coa Coordinadora Galega de Festivais de Cinema (Proxecta).

Ligazóns

Compartir: