Inicio Carballo ao día Hemeroteca Os empresarios do polígono e o Concello...

Os empresarios do polígono e o Concello impulsan unha campaña informativa para promover a xestión sostible dos residuos

A Comunidade de Propietarios do parque empresarial xestionou no último ano e medio 114 toneladas de lixo industrial

Martes 10 de novembro do 2020 Carballo ao día

A presentación da campaña tivo lugar este martes no polígono

A presentación da campaña tivo lugar este martes no polígono

Nos últimos anos, o polígono de Carballo veu experimentando un notable crecemento no seu número de empresas, transformándose nunha das áreas empresariais máis dinámicas de Galicia. Este crecemento xerou novas necesidades como a propia ampliación do polígono, a mellora das comunicacións co sur de Galicia ou a modernización dos servizos de telecomunicacións. Pero entre as necesidades detectadas froito deste crecemento tamén se atopa a correcta xestión dos residuos producidos pola actividade industrial e comercial. Desde a Comunidade de Propietarios aspiran que o noso polígono non só sexa recoñecido polo seu dinamismo empresarial e económico senón tamén pola calidade dos seus servizos e polo seu compromiso coa sustentabilidade ambiental.

Froito deste compromiso, o ano pasado desde o colectivo empresarial púxose en marcha da man de Coregal un novo servizo de recolleita porta a porta de cartón e plástico que viña cubrir unha importante carencia e que ata a data recolleu e valorizado máis de 114 toneladas de residuos que viñan xestionando de forma inadecuada. Desde a Comunidade de Propietarios do Polígono estase satisfeito con estes datos, pero aspiran a melloralos o próximo ano ante a perspectiva do incremento de empresas radicadas no noso polígono e tamén fomentando unha maior concienciación entre elas.

Actualmente existen tres servizos de xestión de residuos que operan no polígono. A mencionada recollida porta a porta de cartón e plástico, a recollida de residuos sólidos urbanos (RSU) e o punto limpo, estes últimos dependentes da empresa concesionaria UTE Carballo, o que xera certa confusión entre os usuarios. Por iso, desde a Comunidade de Propietarios, en colaboración co Concello, ponse en marcha a campaña Avanzando cara a sustentabilidade, presentada hoxe nun acto no que participaron representantes de Coregal e da Comunidade de Propietarios e o alcalde de Carballo, Evencio Ferrero.

OBXECTIVOS

  1. Sensibilizar ás empresas sobre a importancia dunha correcta separación dos residuos por tipoloxías.
  2. Facilitarlles unha información clara e precisa sobre os servizos de xestión de residuos que operan o polígono, así como dos seus horarios de recollida.
  3. Facilitarlles un teléfono de contacto no que poidan resolver as súas dúbidas ou comunicar calquera incidencia no servizo.
O obxectivo da campaña informativa é a mellora global na xestión dos residuos xerados polas empresas, o que significará un importante paso cara a sustentabilidade.

Compartir: