O miradoiro de Vilela transfórmase nunha experiencia interactiva para os visitantes
Unha subvención da Axencia de Turismo de Galicia permite instalar unha mesa panorámica que funciona como un mini museo ao aire libre
Mércores 11 de novembro do 2020 Carballo ao día
Xa está instalada no miradoiro de Vilela unha mesa panorámica coa que os e as visitantes poderán coñecer todos os segredos da costa carballesa mentres a teñen diante. Este novo recurso turístico, que acabou de colocarse esta semana, pretende facilitar o coñecemento do territorio e o aproveitamento do miradoiro, xa que as persoas que se acheguen ata este punto -situado xusto fronte ao impresionante espazo natural de Razo-Baldaio- poderán interpretar, utilizando un smartphone, os recursos naturais e patrimoniais máis destacados da zona a través de textos e elementos multimedia incluíndo fotografías, audios e vídeos. Complétase así a rede de miradoiros do Concello que xa conta con outros puntos de interese patrimonial e paisaxístico no Monte Neme, en Santa Mariña ou na ermida de Santa Irene, entre outros.
O acceso á información realizarase a través de antenas NFC que, integradas no mesa, permiten obter a información con só achegar o dispositivo móbil ao panel. Isto representa un elemento de accesibilidade importante, xa que facilita o acceso á información por proximidade, sen necesidade de introducir ningún tipo de información ou abrir aplicacións específicas (lector QR, etc.). O sistema permite ao visitante realizar unha navegación dende o miradoiro ata o recurso que lle interese, compartir información, ver os recursos sobre un mapa, crear rutas... E todo iso en tres idiomas -galego, castelán e inglés- e dun xeito accesible. Así mesmo, o miradoiro conta cunha completa ficha Web, desde a que o usuario poderá gozar dunha experiencia inmersiva a través dunha imaxe 360 interactiva, accedendo a contidos multimedia dos recursos da contorna coma se estivese neses lugares. Todo o sistema funciona como un mini museo ao aire libre.
Rede de miradoiros iViewpoint
Ademais, grazas á instalación da mesa, o miradoiro pasará a formar parte da rede de miradoiros iViewpoint, proxecto que conta co apoio do Ministerio de Cultura e que ten como obxectivo xeral a creación dunha rede de miradoiros tecnolóxicos musealizados, favorecendo a súa promoción a través de Internet e das redes sociais mediante experiencias interactivas e inmersivas. O proxecto é posible grazas á Axencia de Turismo de Galicia que concedeu unha subvención de 5.950 euros sobre un custo total de 7.199 euros.