Entran en vigor as novas restricións establecidas pola Xunta para a comarca de Bergantiños agás o concello da Laracha
No noso concello acadáronse hoxe os 154 casos activos, 39 deles en centros educativos
Venres 13 de novembro do 2020 Carballo ao día
Hoxe reuniuse a comisión municipal de seguimento da COVID-19
O Diario Oficial de Galicia publicou a última hora da tarde do venres o decreto da Presidencia da Xunta polo que se establecen novas medidas de prevención da COVID-19 no ámbito territorial delimitado de forma conxunta polos concellos de Cabana de Bergantiños, Carballo, Coristanco, Laxe, Malpica de Bergantiños e Ponteceso. As medidas entran en vigor este sábado 14 e manteranse, en principio, durante un mes.
Que establece o decreto?
Que a permanencia de grupos de persoas en espazos de uso público, tanto pechados como ao aire libre, e en espazos de uso privado quedará limitada aos grupos constituídos só por persoas conviventes. Podes lelo aquí: https://www.xunta.gal/.../2482/AnuncioC3B0-131120-1_gl.html
Que outras medidas se adoptan?
As mesmas que están vixentes xa noutros concellos galegos, como Vimianzo, ou agrupacións de concellos, como os da área da Coruña. Podes consultalas aquí: https://www.xunta.gal/.../2476/AnuncioC3K1-041120-2_gl.html. As máis significativas son as seguintes:
- Establecementos de hostalaría e restauración: permanecerán pechados ao público. Poderán prestar servizo de entrega a domicilio e para a súa recollida no local e consumo no domicilio. Os establecementos de lecer nocturno: permanecerán pechados ao público.
- Lugares de culto: asistencia reducida a un terzo da súa capacidade. Nas cerimonias relixiosas ou civís: 50% da capacidade, cun máximo de 25 persoas. A celebración posterior á cerimonia non está permitida.
- Bibliotecas, museos, arquivos, salas de exposicións e outros equipamentos culturais: ao 50% da capacidade. As actividades culturais en grupo serán só de conviventes.
- Cines, teatros, auditorios e recintos ao aire libre: máximo de 30 persoas, en espazos pechados, e de 75, ao aire libre. Público sentado.
- Circos e espectáculos feirais, e parques multiocio: permanecerán pechados.
- Congresos, eventos, conferencias e reunións de negocio: ao 50% da capacidade, cun máximo de 30 persoas en espazos pechados, e de 75, ao aire libre.
- Centros de lecer infantil: pechados
- Establecementos e locais de xogo e apostas e salóns: pechados
- Actividades e instalacións deportivas non federadas: actividade ao aire libre individual e colectiva (só conviventes), sen contacto físico.
- Instalacións e centros deportivos: non poderán superar o 50% da capacidade. Só actividades individuais (sen contar ao monitor).
- Celebración eventos deportivos, adestramentos e competicións deportivas con público: ao 50% da capacidade, cun máximo de 30 persoas, en espazos pechados; e de 75, ao aire libre. Público sentado.
- Actividades de tempo libre, dirixidas á poboación infantil e xuvenil: Ao aire libre limítase o número de participantes ao 50% da asistencia habitual, cun máximo de 50 participantes. En espazos pechados limítase ao 50% a capacidade do recinto, cun máximo de 25 participantes. Os grupos non deberán superar as 6 persoas, sexan ou non conviventes (sen contacto entre os grupos).
- Piscinas: as recreativas permanecerán pechadas. As de competición, ao 50% da capacidade. Só se permite a actividade individual.
- Centros cívicos e socioculturais: Ao 50% da capacidade.
- Actividades socioculturais: un máximo de 6 persoas, sexan ou non conviventes. Actividades físicas ou deportivas: ao 50% da capacidade e só actividades individuais.
Por que se toman estas medidas?
O decreto alude ao incremento da taxa de incidencia global dos últimos días nesta zona. "Tres dos concellos da comarca amosan taxas superiores aos 1.000 casos por cada cen mil habitantes: Cabana de Bergantiños, Laxe e Malpica de Bergantiños; e, por número de casos acumulados nos últimos 14 días e unha notificación diaria de casos, destaca tamén o concello de Carballo", explica. Os indicadores amosan "valores de alto risco" e destácase, así mesmo, "o feito de que o grupo en que se recollen as taxas máis altas é o de xente nova, en que a infección pode ser asintomática ou pauciasintomática, favorecendo deste xeito a transmisión".
Que mobilidade se permite?
Os veciños e veciñas dos seis concellos poderán manter a mobilidade exclusivamente dentro do perímetro establecido, é dicir, entre os seis concellos. As excepcións son estas:
- Asistencia a centros, servizos e establecementos sanitarios
- Cumprimento de obrigas laborais, profesionais, empresariais, institucionais, sindicais e de representación de traballadores ou legais.
- Asistencia a centros universitarios, docentes e educativos, incluídas as escolas de educación infantil.
- Retorno ao lugar de residencia habitual ou familiar.
- Asistencia e coidado, incluído o acompañamento, a maiores, menores, dependentes, persoas con discapacidade ou persoas especialmente vulnerables.
- Desprazamento a entidades financeiras e de seguros ou estacións de servizo en territorios limítrofes.
- Actuacións requiridas ou urxentes ante os órganos públicos, xudiciais ou notariais.
- Renovacións de permisos e documentación oficial, así como outros trámites administrativos inaprazables.
- Realización de exames ou probas oficiais inaprazables.
- Por causa de forza maior ou situación de necesidade.
- Calquera outra actividade de análoga natureza, debidamente acreditada.
- Non estará sometida a restrición ningunha a circulación en tránsito a través dos ámbitos territoriais en que resulten de aplicación as limitacións previstas nos números 1 e 2.