Último día para tramitar a tarxeta-bono “Sempre Carballo”, que supera as 18.000 solicitudes
Lembra que o prazo para consumir os 30€ rematará o día 30 deste mes
Sábado 14 de novembro do 2020 Carballo ao día
Mañá domingo é o último día para tramitar a tarxeta-bono “Sempre Carballo”, e xa superamos as 18.000 solicitudes recibidas. As persoas interesadas só teñen que entrar en semprecarballo.gal e cubrir o sinxelo formulario que aparece nesta páxina web. É moi importante revisar ben os datos antes de envialos.
As tarxetas serán enviadas nos vindeiros días xunto cunha carta que é moi importante conservar, xa que inclúe as claves persoais e as instrucións necesarias para activar a tarxeta. O proceso é moi sinxelo.
Lembramos que a tarxeta “Sempre Carballo”, que ten un saldo de 30 euros, entregarase de balde a todas as persoas maiores de idade e con residencia no noso concello (a data de empadroamento debe ser anterior ao 31 de xullo deste ano) que a soliciten. Os 30 euros poderán consumirse ata o 30 de novembro nos 262 establecementos adheridos. A relación pode consultarse tamén en semprecarballo.gal.