Inicio Carballo ao día Hemeroteca O talento dixital galego protagoniza a segunda...

O talento dixital galego protagoniza a segunda xornada do 7º Carballo Interplay

O CIP estrea mañá na rede a primeira webserie interactiva en galego, Amnesia 3.0

Mércores 18 de novembro do 2020 Cultura

Fotograma de

Fotograma de "Amnesia"

O talento dixital galego protagoniza mañá xoves a segunda xornada da VII edición "100% na túa casa" do Festival de Contidos Dixitais Carballo Interplay, que se celebra dende esta noite ata o sábado en Youtube, Facebook e Twitch, atendendo ás restricións dictadas polas autoridades sanitarias e sen descoidar o seu compromiso coa cultura do país.

O segundo día do Interplay arrincará ás 11h cunha conversa sobre o machismo na industria dos videoxogos que manterán a comentarista e divulgadora de eSports Minia “Samku” Monteagudo e Marina Amores, “Blissy”, directora da serie documental Nerfeadas. A charla poderá seguirse e comentarse a través de Youtube | Facebook | Twitch, como todas as actividades do festival.

De seguido, ás 12h30, o youtubeiro Miguel Silva (Aquele) fará un percorrido guiado polo contido galego en Youtube, analizando como foron mudando as formas e temáticas co paso do tempo (Youtube | Facebook | Twitch) e, pola tarde, Isaac González (Podgalego), presentará algúns dos podcast máis interesantes que hai actualmente na nosa lingua, falando coas súas creadoras e creadores: Iria Veiga (psiquiatra e divulgadora científica), Carlos Pereiro (xornalista e impulsor da Revista Morcego) e Miguel Rodríguez e Duarte Romero (xornalistas galegos afincados en Londres). Será ás 18h30, tamén en Youtube | Facebook | Twitch.

Vota dende a casa!

Despois, por primeira vez na historia do Carballo Interplay, o público poderá ver e votar dende a súa casa a súa webserie finalista favorita na Sección Oficial do festival. Ás 20h proxectaranse, tamén en Youtube | Facebook | Twitch, as finalistas galegas: Destapando Casares, Os 20 de XX, Capitán Breomán, Save e amigos, Mataría Microserie, Adegas da memoria S.E.X.

O plato forte do día será a estrea mundial da serie futurista Amnesia 3.0, a  primeira webserie interactiva en galego, creada por  Irene Pin, Iria Iglesias e Natalia Porca e protagonizada por Daniel Celester, Sara Ferro, Vanessa Dorrei, Monti Castiñeiras e Duarte Galbán, coa participación especial de Isabel Naveira e Sabela Arán. Definida polas súas creadoras como "unha macroprodución con micropresuposto", Amnesia 3.0 demostra que se pode facer ciencia ficción sen grandes efectos especiais, con historias universais contadas desde aquí. Un software implantado no cerebro humano borra a memoria a curto prazo cada noite, así as persoas poden desenvolver as súas funcións dentro do sistema na engrenaxe perfecta, sen pensar nin preguntarse. Porén, hai quen sobrevive na marxe. Son excluídxs, habitantes das Estremas. O público poderá vela e comentala coas súas creadoras, de xeito libre e gratuíto, mañá xoves a partir das 22h en YoutubeFacebook e Twitch.

Amnesia 3.0 foi a gañadora, xunto con Xan, que se estrea esta mesma noite, do Premio a proxectos de webseries en versión orixinal galega co que o Carballo Interplay quere incentivar de forma máis activa a creación de contidos en galego adaptados ás novas formas de consumo. Mañá, un xurado composto por Alfonso Zarauza, Lorena Iglesias, Antón Varela e María Yáñez elixirá a webserie gañadora desta edición entre as catro finalistas: Cacola é un proxecto de webserie de animación 2D dixital de David Fidalgo, Lévede é unha webserie sensual con receitas de panadería galega ideada pola produtora de "audiovisual rural" Siradella Films, Óleo é un proxecto de ficción que retrata a soidade, o baleiro interno, a rabia e a culpa que sofren as persoas que teñen que deixar a súa vida para coidar dos demais dirixida por Daniel Sanmartín e Cebo&Allo é unha ficción cómica de Román Castaño Frieiro.

Compartir: