Inicio Carballo ao día Hemeroteca Os alcaldes de Bergantiños solicitan...

NA ÁREA PERIMETRADA HAI 112 CASOS MÁIS QUE FAI UNHA SEMANA

Os alcaldes de Bergantiños solicitan máis cribados ante o avance do COVID-19 na comarca

Evencio Ferrero expresou a preocupación das familias e do Concello de Carballo pola situación do CEIP Fogar e pediu unha atención preferente para este centro

Mércores 18 de novembro do 2020 Carballo ao día

O alcalde de Carballo, durante a xuntanza telemática

O alcalde de Carballo, durante a xuntanza telemática

O conselleiro Julio García Comesaña e outros cargos da Consellería de Sanidade mantiveron hoxe unha xuntanza telemática cos alcaldes dos seis concellos de Bergantiños perimetrados conxuntamente e coa alcaldesa de Vimianzo para dar a coñecer os últimos datos e as previsións do departamento autonómico á vista do avance da COVID-19. A comarca ten nestes momentos “a incidencia acumulada máis alta de todas as zonas que están perimetradas", segundo indicaron os responsables da sanidade galega, xa que a media supera os 800 casos por 100.000 habitantes.

Aínda que Carballo é o concello con máis casos positivos en números absolutos, un total de 185, é o que ten a incidencia máis baixa, 577 casos por 100.000 habitantes. No extremo oposto sitúase Cabana de Bergantiños, cunha incidencia de 1.500 casos por 100.000 habitantes. Segundo os datos achegados na xuntanza telemática, agás en Laxe, onde hai 6 casos menos que a semana pasada, a situación está a empeorar na nosa comarca, que no seu conxunto rexistra 112 casos máis que fai sete días.

A tendencia á alza mantense, segundo indicaron as autoridades sanitarias, polo que as restricións impostas a semana pasada vanse manter polo menos ata o 4 de decembro. Segundo explicaron, estas medidas establécense nos concellos que acadan unha incidencia acumulada en 14 días superior a 200-250 casos, e que se retiran cando esa incidencia baixa como mínimo a 125. Nos seis concellos de Bergantiños afectados aínda estamos moi lonxe desa cifra.

Solicitude de cribados

Os alcaldes expresaron a súa preocupación e solicitaron da Consellería de Sanidade máis cribados entre colectivos sensibles. Evencio Ferrero destacou neste sentido a singularidade do CEIP Fogar, que é o colexio con maior incidencia de toda Galicia, e manifestou a preocupación da comunidade educativa, especialmente das familias, e a súa propia, polo que insistiu na necesidade de que se realice un cribado.

Segundo os datos difundidos hoxe pola Consellería de Educación, as cifras de casos activos nos centros educativos do noso concello son os seguintes:

  • CEIP Bergantiños: 4
  • CEIP Gándara-Sofán: 2
  • CEIP Fogar: 39
  • CPR Plurilingüe Artai: 4
  • CRA Ponte da Pedra: 3
  • IES Alfredo Brañas: 6
  • IES Isidro Parga Pondal: 1
  • IES Monte Neme: 5   
  • Escola Infantil As Landras: 1
No colexio Fogar hai 9 aulas pechadas.

O xerente da Área Sanitaria A Coruña-Cee, Luis Verde Remeseiro, que se incorporou máis tarde á reunión, manifestou que está previsto retomar os cribados a colectivos sensibles. Neste sentido, para mañá xoves pola mañá están convocados traballadores/as de distintos servizos, como persoal de axuda no fogar, funcionarios/as que prestan atención ao público ou taxistas, entre outros. Con respecto á solicitude de Evencio Ferrero manifestou que “do mesmo xeito que se fixo un esforzo co sector da pesca en Malpica vaise facer un esforzo no colexio Fogar”. Evencio Ferrero manifestou que o Concello de Carballo está “a disposición da consellería dende o primeiro minuto” para levar a cabo as accións de desinfección, limpeza ou apoio que se solicitan.

Os responsables de Sanidade insistiron en que o maior número de contaxios é consecuencia do incumprimento das medidas de distanciamento social en reunións familiares e de amigos, polo que apelaron á responsabilidade da cidadanía, porque, en palabras do conselleiro, “non pode ir a policía a todas as casas”.

Compartir: