A CIFRA DE CONTAXIOS NOS CENTROS EDUCATIVOS É DE 67
A incidencia do coronavirus continúa aumentando no noso concello, no que acadamos este xoves os 190 casos activos
A comisión municipal de seguimento da COVID-19, que se reuniu hoxe pola mañá, decidiu manter pechados os parques infantís
Xoves 19 de novembro do 2020 Carballo ao día
A comisión de seguimento reuniuse hoxe
A comisión municipal de seguimento da COVID-19 reuniuse hoxe para analizar os datos ofrecidos onte polo conselleiro de Educación, Julio García Comesaña, aos alcaldes dos 6 concellos de Bergantiños perimetrados conxuntamente e á alcaldesa de Vimianzo. Na xuntanza, na que participaron membros do goberno municipal e representantes da Garda Civil, a Policía Local e Protección Civil, amosouse a preocupación compartida polo incremento do número de casos na zona en xeral e no noso concello en particular. Segundo os datos ofrecidos nesta xornada pola Xerencia da Área Sanitaria A Coruña-Cee, en Carballo acádanse os 190 casos activos.
A incidencia continúa sendo moi elevada tamén nos centros educativos. Segundo os datos difundidos hoxe pola Consellería de Educación, as cifras son as seguintes:
- CEIP Bergantiños: 4
- CEIP Gándara-Sofán: 2
- CEIP Fogar: 40 (9 aulas pechadas)
- CPR Plurilingüe Artai: 4
- CRA Ponte da Pedra: 3
- IES Alfredo Brañas: 6
- IES Isidro Parga Pondal: 1
- IES Monte Neme: 5
- Escola Infantil As Landras: 2 (1 aula pechada)
Hoxe realizáronse probas no centro de saúde a traballadores/as de sectores especialmente expostos
Á vista da situación, e á espera do cribado xeral que se vai realizar nos vindeiros días ao alumnado do CEIP Fogar (hoxe fixéronse probas no centro de saúde a traballadores/as de colectivos especialmente expostos/as), que foi convocado hoxe a través do sistema de notificacións Abalar, a comisión municipal de seguimento da COVID-19 acordou manter pechados os parques infantís.
Hoxe celebrouse con normalidade o mercado semanal, aínda que con menos postos e menos público do habitual. Este domingo haberá feira tanto na Praza do Concello coma na Milagrosa, en ámbolos dous casos coas medidas de distanciamento e prevención necesarias. Dende o Concello de Carballo pedimos a toda a cidadanía que cumpra escrupulosamente as normas en todas as actividades permitidas neste momento.