A Concellaría de Igualdade organiza por primeira vez unha concentración telemática para conmemorar o 25N. Conéctate aquí!
Bota unha ollada e participa nas actividades previstas arredor do Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra as Mulleres
Venres 20 de novembro do 2020 Carballo ao día
Este 25N terá un formato diferente, pero o mesmo contido reivindicativo. “A crise sanitaria non pode invisibilizar a nosa loita _sinala a concelleira de Igualdade, Maica Ures_ e como queremos que se vexa o rexeitamento social á violencia de xénero, convidamos á cidadanía a manifestarse o 25 de novembro ás 20:00 horas”. Este ano non nos reuniremos na Praza do Concello, pero todas e todos poderemos participar na mobilización a través do teléfono móbil ou do ordenador, simplemente entrando en www.carballo.gal ou nas redes sociais do Concello de Carballo. Por cada persoa participante aparecerá unha icona amosando a súa situación nun mapa, para poder ver cantas voces se escoitan contra as violencias e dende onde.
O día 25, o Concello de Carballo tamén se sumará á iniciativa da Federación Española de Municipios e Provincias para gardar un minuto de silencio ás 12:00 horas por todas as vítimas da violencia machista. No contexto actual de crise sanitaria, este ano non se realizará un chamamento á participación cidadá, senón que se realizará unha concentración institucional para visibilizar o compromiso da sociedade carballesa coas vítimas.
A programación arredor do Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra as Mulleres inclúe estas outras propostas reivindicativas e culturais para distintos públicos:
- Sábado 21 de novembro: Pablísimo presenta “Príncipas e princesos” na Biblioteca Rego da Balsa. Trátase dun espectáculo para nenos e nenas a partir de seis anos no que se cambian os roles para facer unha divertida reflexión sobre a igualdade. A actividade, incluída na Rede da Deputación da Coruña, contará cun público presencial reducido, con reserva previa, e ofrecerase tamén en streaming a través de YouTube e de Facebook.
- Luns 23 de novembro: Inicio da exposición urbana de artistas locais contra a violencia de xénero. Fotografías, debuxos e pinturas ilustran un total de 18 paneis que se colocarán separados en varias rúas do centro urbano.
- Martes 24 e mércores 25: “1 minuto contra a violencia de xénero”. Envíanos un vídeo de 1 minuto de duración, como máximo, amosando á túa maneira o rexeitamento á violencia de xénero. Entre todas as persoas participantes realizarase un sorteo de 1 lote de produtos da campaña “En negro contra as violencias”. Os vídeos deben remitirse a comunicacion@carballo.gal.
- Mércores 25 de novembro: Ademais de gardar un minuto de silencio ás 12:00 horas e da manifestación telemática das 20:00 horas, xunto ao seu remate, para as 20:30 horas está programada no Pazo da Cultura a estrea do espectáculo Bravas: historias das nosas mulleres, da man da actriz Isabel Risco. Bravas é un repaso histórico pola nosa era, desde a época castrexa ata o século XXIII de mulleres sen medo, rebeldes e xustas que ese enfrontaron ao poder establecido. Esta artista proponnos un xogo a través dunha viaxe no tempo de teatro cómico e comprometido, cheo de ledicia e combativo, para reinvidicar o humor das mulleres, que ofrece unha perspectiva única e plural tan necesaria da realidade. Este espectáculo conta coa colaboración da Deputación da Coruña. A entrada será libre e gratuíta, con previa reserva de entrada no email culturaentradas@carballo.gal, enviando nome, apelidos e número de teléfono. Poderán reservarse dúas entradas por persoa, como máximo, e en total, debido ás restricións sanitarias, poñeranse a disposición do público 30 entradas.
Outras accións
A concelleira Maica Ures xunto á pancarta colocada hoxe no balcón da Casa do Concello
O Concello de Carballo participa este ano, ademais, na campaña “De fronte á violencia de xénero”, promovida dende a Área de Igualdade da Deputación da Coruña, á que tamén poden sumarse os establecementos que o desexen. Os interesados deben poñerse en contacto co CIM no teléfono 981 700 688 ou no correo electrónico carballoennegro@gmail.com e faráselles chegar un autocolante identificativo.
Tamén participaron na campaña “Na Costa da Morte rompemos o silencio”, impulsada por Agader Costa da Morte. E, como en anos anteriores, está en marcha a iniciativa “En negro contra as violencias”, que tan boa resposta ten entre o comercio e a hostalaría do noso concello. Dende a Concellaría de Igualdade sabemos que son tempos difíciles, pero queremos animar a que os establecementos participen na campaña e, na medida do posible, reutilicen os materiais de anos pasados (camisolas, cartelaría, chapas...).