Inicio Carballo ao día Hemeroteca A posibilidade de dispoñer do remanente...

A posibilidade de dispoñer do remanente municipal permite investir 3,4 millóns de euros máis en obras e servizos

O alcalde, Evencio Ferrero, e a concelleira de Contratación, Milagros Lantes, deron a coñecer hoxe a relación de actuacións previstas, que deben estar rematadas a 31 de decembro do 2021

Venres 20 de novembro do 2020 Carballo ao día

Milagros Lantes e Evencio Ferrero deron a coñecer os investimentos

Milagros Lantes e Evencio Ferrero deron a coñecer os investimentos

A posibilidade de que os concellos dispoñan do remanente de tesourería para gastos xerais, grazas á suspensión das regras fiscais para o período 2020-21 por parte do Goberno do Estado, permitirá ao Concello de Carballo realizar un primeiro investimento de 3.411.416,10 euros en obras e servizos. A modificación orzamentaria que o fará posible será aprobada o vindeiro martes 24 nun pleno extraordinario.

O alcalde, Evencio Ferrero, e a concelleira de Contratación, Milagros Lantes, deron a coñecer hoxe a relación de actuacións previstas, que deben estar rematadas a 31 de decembro do ano 2021. Para cumprir ese prazo, que é un importante condicionante, inténtase, precisamente, realizar a aprobación o antes posible e así poder iniciar os expedientes de contratación de maneira inmediata. Nese sentido, tanto o alcalde como a concelleira destacaron o esforzo extra que deberá facer o persoal municipal para sacar adiante todos os proxectos, que xa están listos porque en todos os casos trátase de necesidades xa detectadas e que estaba previsto ir resolvendo na medida das posibilidades. Con este novo escenario poderán atenderse boa parte delas e quedarán liberados outros recursos, como o POS+, que suporá 1,7 millóns, ou os propios fondos municipais, para outras actuacións.

O Concello de Carballo ten nestes momentos un remanente de tesourería para gastos xerais de 9.336.000 euros. Por que non se inviste máis? Hai varios motivos, tal como explicaron o alcalde e a concelleira. Ademais dos citados anteriormente, como os prazos ou a capacidade administrativa, o goberno municipal opta por actuar cun criterio de “prudencia”, xa que de cara aos vindeiros exercicios prevese un recorte dos recursos municipais como consecuencia da pandemia provocada pola COVID-19 e, ademais, deben cumprirse outras obrigas como o pago puntual a provedores ou o anticipo do gasto nos proxectos con financiamento europeo en marcha nestes momentos, como “Cicl-Ando Carballo”, que acada os 2 millóns de euros, ou “Carballo Sostible”, co que agardamos dispoñer dunha cantidade similar o vindeiro ano. Deste xeito, o Concello de Carballo dispón dun “colchón” que permite evitar tensións de tesourería e do que, en función da evolución da situación, pode ir botando man para cubrir as necesidades que vaian xurdindo nos vindeiros meses.

RELACIÓN DE PROXECTOS

  • Reurbanización da rúa Ponteveda: 151.344,30 euros
  • Reurbanización das rúas Ourense e Baños Vellos: 294.631,77
  • Accesibilidade en beirarrúas da zona A Milagrosa e a Avenida Ponte da Pedra: 216.519,94
  • Seguridade no polígono industrial de Bértoa: 181.300
  • Rede de saneamento e abastecemento de auga aos lugares de Leboreo, Requeixo e A Rega, na parroquia de Bértoa: 368.311,59
  • Rede de saneamento e abastecemento de auga en Cambre de Lema e Cambrelle-Razo: 416.971,86
  • Ampliación do cemiterio municipal, 1ª fase: 699.520,70
  • Reforma do Pazo da Cultura, 1ª fase: 428.600,63
  • Reforma do centro social do barrio da Milagrosa: 147.317,86
  • Substitución de cuberta e revestimento da fachada do pavillón deportivo “Carballo Calero”: 255.312,90
  • Reforma do mercado, 2ª fase: 101.068,12
  • Reforma parcial dos almacéns municipais da Cristina para almacén-garaxe de Protección Civil: 82.516,43
  • Achega municipal para o proxecto europeo “Carballo Sostible: Enerxías renovables e eficiencia enerxética nos edificios públicos”: 68.000

Zona dos Baños Vellos

Zona dos Baños Vellos

Evencio Ferrero ofreceu unha breve explicación dos proxectos. Aludiu, por exemplo, á necesidade de actuar nunha zona tan “céntrica, con moita actividade económica e cun elemento tan emblemático como é o balneario”, en relación aos dous proxectos que se desenvolverán na contorna dos Baños Vellos e que forman parte do programa de actuacións previstas dentro do plan director elaborado para todo ese ámbito.

Seguir mellorando na mobilidade e a accesibilidade na zona urbana, apoiar a actividade no polígono industrial mellorando a súa seguridade, avanzar na extensión dos servizos de saneamento e abastecemento de auga a todas as parroquias ou acometer a necesaria ampliación do cemiterio municipal, que xa estaba incluída nos orzamentos deste ano e retirouse para facer fronte á campaña “Sempre Carballo”, son motivos que xustifican os investimentos previstos.

Unha parte dos recursos irán destinados á mellora de edificios públicos como o Pazo da Cultura, que polo efecto do paso do tempo e da elevada intensidade de uso ten problemas de humidades ou necesidades de redistribución de espazos; a antiga escola de Arrabais, reconvertida en centro social do barrio da Milagrosa; o pavillón Carballo Calero, con problemas de humidades; o mercado municipal, no que se completará cunha mellora da accesibilidade outro proxecto de adaptación dos usos que está agora en fase de contratación, ou o antigo centro municipal de formación da Cristina, que poderá servir de almacén e garaxe para Protección Civil.

Compartir: