Inicio Carballo ao día Hemeroteca Victoria Martín e Carolina Iglesias...

Victoria Martín e Carolina Iglesias conquistan o palmarés da sétima edición do Carballo Interplay con "Válidas"

David Fidalgo conseguiu o premio ao mellor proxecto de webserie en galego coa serie de animación 2D dixital Cacola, que estreará no Carballo Interplay 2021

Domingo 22 de novembro do 2020 Cultura

Fotograma de

Fotograma de "Válidas"

A sétima edición do Festival de Contidos Dixitais Carballo Interplay, que se celebrou por primeira vez integramente en Internet, pechou o telón esta noite coa gala de entrega de premios ás mellores webseries dun concurso pioneiro que xa é todo un referente e que este ano permitiu que o público puidese ver e votar as series finalistas da súa Sección Oficial a través da rede.

Válidas, a serie na que Victoria Martín (Living Postureo) e Carolina Iglesias (Percebes y grelos), con dirección de Nacho Pérez-Pardo, fabulan a vida de dúas cómicas que fan todo o posible por conseguir notoriedade conquistou tanto premio de Mellor webserie estatal como o Premio do Público.

O xurado composto por Brays Efe, Alfonso Zarauza, Fernanda Tabares, Guillermo V. Zapata  e Andrea Gumes outorgoulle á animación divulgativa de Antón Varela Os 20 do XX o premio de Mellor webserie en versión orixinal en galego, dotado con 800 euros e trofeo, e o de Mellor webserie internacional, dotado tamén con 800 euros e trofeo, foi para Subsolo, unha serie portuguesa que conta un día na vida de cinco adultos novos con Lisboa como pano de fondo, os seus problemas financeiros e dúbidas existenciais, situacións incómodas e íntimas.

Egoitz Diaz gañou o premio AGAG ao mellor guión, dotado con 200 euros e trofeo, por Ixa, unha serie xuvenil composta por historias independentes en torno ao uso do tempo e aos non-lugares, gravada en formato vertical favorecer a visión no móbil e que nace co obxectivo de fomentar o uso do euskera entre a xente máis nova.

E Alvaro Carmona conquistou o premio CREA á mellor dirección, dotado con 200 euros e trofeo, pola segunda temporada de Gente Hablando, unha serie que trata temas universais a través de conversas cotiás entre dúas ou máis personaxes e que o ano pasado conquistara os premios do público e guión, tamén para Álvaro Carmona. O xurado tamén destacou o traballo nesta serie de Raúl Fernández de Pablo co Premio ao mellor actor.

O premio á mellor actriz foi para a galega Anxela Ríos por Destapando Casares, un thriller transmedia que constrúe un clima de desconfianza arredor dos segredos das persoas que conviven na Universidade Carlos Casares.

O xurado novo, composto por Laura Mendez, Antía Suárez e Jaime Regueiro decidiu outorgar o seu premio, dotado con 400 euros e trofeo, a Pikuak, unha serie en euskera sobre tres mulleres novas divertíndose e loitando xuntas.

PREMIO AO MELLOR PROXECTO DE WEBSERIE EN GALEGO

Reunido en Carballo o xurado composto por Alfonso Zarauza, Lorena Iglesias, Antón Varela e María Yáñez decidiu outorgar o Premio ao mellor proxecto de webserie en galego, dotado con 3000 euros para a produción dos tres primeiros capítulos, a Cacola, un proxecto de webserie de animación 2D dixital de David Fidalgo, director, guionista, animador, director de arte e montador de varias curtas e videoclips de animación. Cunha estética cartoon con cores planas e animacións irreais, os capítulos de Cacola presentarán historias autoconclusivas duns 30 segundos cun ton de comedia absurda na que todo pode pasar.

Compartir: