Infórmate no 981 704 278 ou en recadacion@carballo.gal
A Oficina de Recadación pon a disposición do contribuínte distintas alternativas para evitar o pago presencial
O luns 30 rematará o período voluntario para facer efectivos os recibos de IBI, IAE e lixo comercial
Martes 24 de novembro do 2020 Carballo ao día
O luns 30 de novembro rematará o período voluntario para facer efectivos os recibos de IBI, IAE e lixo comercial. Para evitar as colas habituais dos últimos días, que este ano poden ser aínda máis longas debido ás medidas de prevención da COVID-19, dende a Oficina de Recadación Municipal póñense a disposición do/a contribuínte distintas alternativas ao pago presencial. Deste xeito, as persoas que opten polo pago en efectivo poden realizar o ingreso correspondente na conta de recadación do Concello de Carballo dende calquera oficina bancaria, nos caixeiros automáticos ou a través da banca online mediante unha transferencia. O número de conta aparece na carta coa información tributaria que se remitiu aos domicilios, e, en calquera caso, as persoas que precisen o número ou queiran pedir máis información poden dirixirse á Oficina de Recadación Municipal por teléfono, chamando ao 981 704 278, ou enviando un correo electrónico a recadacion@carballo.gal.
O obxectivo é evitar, na medida do posible, o pago presencial, posto que este ano, en aplicación do protocolo anti COVID-19, só poden ser atendidas tres persoas ao mesmo tempo na oficina, os postos de atención deben desinfectarse entre unha persoa e outra, e ademais nas colas debe gardarse a distancia de seguridade. Neste sentido, para comodidade da cidadanía, dende os servizos tributarios recoméndase a domiciliación dos recibos.
O Concello de Carballo emitiu este ano 1 recibo de IBI de características especiais, 31.991 de IBI de urbana e 13.699 de IBI de rústica; así como 1.550 de lixo comercial.
Os pagamentos na Oficina de Recadación Municipal (rúa Camiño Novo, número 7, entreplanta galerías comerciais) poden realizarse de luns a xoves de 09:00 a 13:30 e de 16:00 a 18:00 horas, e os venres de 09:00 a 13:30. As persoas que o precisen poden solicitar o pago diferido.