Inicio Carballo ao día Hemeroteca No ano 2019 incrementouse un 10,44% o...

25N

No ano 2019 incrementouse un 10,44% o número de usuarias do Centro de Información á Muller

O servizo, que tamén atende aos concellos de Malpica e Ponteceso, pon a disposición das mulleres, de xeito gratuíto, todo tipo de recursos

Martes 24 de novembro do 2020 Carballo ao día

O Centro de Información á Muller (CIM) de Carballo atendeu o ano pasado a 296 mulleres, un 10,44% máis que no 2018. Aínda que preocupante, o dato tamén ten unha lectura positiva, xa que pon de manifesto que cada vez son máis as mulleres que se deciden a pedir axuda ante as necesidades de carácter persoal, familiar ou laboral que xorden na súa vida. Unha traballadora social, unha psicóloga e unha avogada son as encargadas de intentar dar resposta a esas necesidades.

Os datos estatísticos revelan que o perfil tipo da usuaria do CIM é unha muller de 25 a 64 anos, casada, con estudos básicos e sen emprego. Ademais do número, o ano pasado aumentou tamén a franxa de idade das usuarias.

A maior parte das mulleres acoden ao CIM porque precisan atención psicolóxica. O ano pasado contabilizáronse 525 consultas por ese motivo. En segundo lugar figura o asesoramento xurídico, con 360 consultas. A atención a vítimas de violencia de xénero, con 68, constitúe o terceiro motivo das consultas. En menor medida, as usuarias acoden na procura de orientación para o emprego ou de información sobre recursos aos que poden acceder. O servizo é individual, gratuíto e confidencial.

O CIM ofrece servizo de asistencia psicolóxica por problemas familiares, adiccións, intervencións psicolóxicas ou mediación familiar. Así mesmo, presta asistencia xurídica para trámites de xustiza gratuíta, denuncias, separacións, sentenzas, dereitos laborais ou baixas e protección da maternidade e a paternidade. En ámbolos casos é preciso pedir cita previa no edificio de Servizos Sociais, chamando aos teléfonos 981 700 688 ou 638 123 460, ou enviando un correo electrónico a cim@carballo.gal.

Estes son os horariosdos servizos do CIM:

  • Traballadora social: de luns a venres, de 09:30 a 14:00 horas
  • Atención psicolóxica: luns de 15:00 a 20:00 horas, martes de 09:00 a 15:00 horas e xoves de 09:00 a 14:00 horas.
  • Asesoría xurídica: luns de 16:00 a 20:00 horas, mércores e venres de 09:00 a 15:00 horas.

O Centro de Información á Muller tamén pon á disposición das usuarias unha serie de recursos sociais relacionados con casas de acollida, planificación familiar, adopcións, oposicións, emprego, bolsas de estudo, apoio á creación de asociacións de mulleres ou cursos, conferencias e xornadas de interese xeral.

Así mesmo, de maneira continuada pon a disposición das familias o programa Concilia, en colaboración coa Deputación da Coruña, e conta cun servizo de teletradución a 51 idiomas para mulleres inmigrantes en colaboración coa Secretaría Xeral de Igualdade da Xunta.

Acadar a igualdade real e efectiva entre homes e mulleres, así coma a plena incorporación da muller na vida social, cultural, económica e política son os principais obxectivos do CIM, que tamén atende os concellos de Malpica e Ponteceso.

Compartir: