Inicio Carballo ao día Hemeroteca Aprobadas coas abstencións de PP e TeGa as...

Aprobadas coas abstencións de PP e TeGa as primeiras obras que se acometerán o ano que vén con cargo ao remanente

O Concello de Carballo investirá 3,4 millóns de euros en actuacións de mellora da accesibilidade, dos servizos urbanísticos e dos edificios municipais

Mércores 25 de novembro do 2020 Carballo ao día

O pleno celebrouse de xeito telemático

O pleno celebrouse de xeito telemático

A corporación municipal aprobou no pleno extraordinario celebrado este martes de maneira telemática as obras que se acometerán con cargo ao remanente municipal. A proposta de actuacións presentada polo grupo de goberno do BNG, por un total de 3.411.416,10 euros, contou co apoio do PSOE aínda que a súa voceira lamentou que non se consultase ao resto dos grupos. TeGa e PP abstivéronse, os primeiros por considerar que existen outras obras “máis prioritarias” e que debería haber máis proxectos e máis ambiciosos, e os segundos porque cren que ningún dos proxectos “van mitigar os efectos da pandemia”.

O alcalde, Evencio Ferrero, explicou que o goberno aplicou “un criterio de prudencia” porque “que se poidan incorporar remanentes, por fin, non significa que non teñamos que seguir cumprindo co pago a provedores e coas obrigas que ten o Concello coas empresas”. Tamén dixo que esta non é a primeira modificación dos orzamentos, senón que xa se fixeron outras para atender as necesidades sociais ou do sector económico, e lembrou que as obras “deben estar rematadas a 31 de decembro do 2021, polo que teñen que ser obras cun prazo de execución non demasiado longo. Por iso estamos facendo este pleno extraordinario”.

Terra Galega votou en contra da acta da sesión anterior e volveu a pedir a gravación en vídeo dos plenos.

O vindeiro luns celebrarase a sesión ordinaria correspondente ao mes de novembro, e novamente será telemática.

Compartir: