Inicio Carballo ao día Hemeroteca Case 400 persoas uníronse á...

Case 400 persoas uníronse á concentración virtual que convocou a Concellaría de Igualdade para conmemorar o 25N

Membros da corporación e persoal municipal gardaron un minuto de silencio polas vítimas da violencia de xénero

Mércores 25 de novembro do 2020 Carballo ao día

Así estaba o mapa da concentración virtual ás 23.00 horas

Así estaba o mapa da concentración virtual ás 23.00 horas

Aínda que estaba previsto que durase só uns minutos, a esta hora continúa uníndose xente á concentración virtual contra a violencia de xénero que decidimos organizar este ano dende a Concellaría de Igualdade para que nin sequera a COVID-19 impida que sigamos traballando día a día contra unha das lacras da nosa sociedade e visibilizando a cara máis amarga da desigualdade.

Comezabamos este Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra as Mulleres coa emisión, nas redes sociais do Concello de Carballo, dun vídeo protagonizado por Sandra e Fernando, actriz e actor carballeses que interpretaron á perfección unha forma demasiado común da violencia de xénero, porque o control tamén é violencia. Podedes velo máis abaixo.

Ao mediodía gardamos ás portas da Casa do Concello un minuto de silencio polas vítimas da violencia machista, este ano nun acto puramente institucional pero que simboliza o sentir de toda a sociedade carballesa.

Minuto de silencio na Casa do Concello

Minuto de silencio na Casa do Concello

Ás 20.00 horas comezaba a concentración virtual convocada pola Concellaría de Igualdade, pero tres horas despois continúa sumándose xente e practicamente se acadan as 400 persoas participantes, a maioría dende Carballo, pero tamén dende outros puntos de Galicia, das provincias de Madrid, Salamanca, Barcelona, Sevilla, Navarra, Guipúzcoa ou dende Menorca, e tamén do estranxeiro, Suíza e Reino Unido. Pero se nestes tempos de distancia social que nos toca vivir puidemos facer piña telematicamente, na actuación de Isabel Risco no auditorio do Pazo da Cultura, no que estreou o espectáculo “Bravas. Historias das nosas mulleres” no marco das actividades do 25N, non puidemos reunir a máis de 30 persoas polas limitacións derivadas da alta incidencia da COVID-19 no noso concello.

Despedimos un Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra as Mulleres, pero aínda continúan as actividades. Ata o día 30, a exposición ao aire libre de obras de artistas locais, e o luns, coma sempre no pleno ordinario de novembro, a aprobación da Declaración Institucional do Concello de Carballo contra a violencia de xénero. Carballo avanza #enredecontraasviolencias, como di o lema deste ano, porque só traballando en rede lograremos gañar a batalla pola igualdade.

Isabel Risco, saudando ao público tras a actuación no Pazo da Cultura

Isabel Risco, saudando ao público tras a actuación no Pazo da Cultura

Compartir: