Inicio Carballo ao día Hemeroteca Avanzan os traballos para a posta en valor da...

Avanzan os traballos para a posta en valor da igrexa de Rus co acondicionamento da zona de acceso

A pavimentación da vía con cemento e lastra forma parte dun proxecto de acondicionamento de tres espazos singulares noutras tantas parroquias

Xoves 26 de novembro do 2020 Carballo ao día

Luis Lamas, Evencio Ferrero e Juan Seoane visitaron as obras

Luis Lamas, Evencio Ferrero e Juan Seoane visitaron as obras

A igrexa parroquial de Santa María de Rus está considerada como a de maior valor arquitectónico do noso concello e un dos exemplos máis importantes do barroco na comarca de Bergantiños. Recollendo a petición do Consello Parroquial, o ano pasado procedeuse ao soterramento do cableado que afeaba o edificio, e aínda que segue pendente a retirada dos postes por parte de Telefónica (malia os reiterados requirimentos nese sentido), a igrexa xa loce doutro xeito.

Neste momento está en execución outra actuación que ten como finalidade seguir avanzando na posta en valor dun dos elementos arquitectónicos máis representativos do noso concello. Así, dentro do proxecto de mellora de espazos singulares nas parroquias de Oza, Artes e Rus, incluíuse a pavimentación da zona de acceso á igrexa, que estaba moi deteriorada tras as obras de soterramento dos cables, pero tamén coa intención de darlle un plus de calidade que permita desfrutar dunha contorna acorde ao edificio.

A contorna da igrexa terá pavimento de cemento e lastra

A contorna da igrexa terá pavimento de cemento e lastra

A empresa Vázquez y Reino traballa estes días nas obras de pavimentación, nas que se utilizarán como materiais principais o cemento e a lastra. Na colocación desta última estaban a traballar os operarios durante a visita que veñen de realizar o alcalde, Evencio Ferrero; o concelleiro de Obras e Servizos, Luis Lamas, e o de Seguridade e Mobilidade, Juan Seoane.

Agardamos que o resultado responda ás expectativas da veciñanza e que unha das xoias do noso patrimonio, construída entre os séculos XVII e XIX, teña o realce que merece.

Compartir: