PLENO ORDINARIO
Por segundo ano consecutivo, a hostalaría carballesa estará exenta do pago da taxa de terrazas no 2021
O goberno municipal tamén propón a redución da taxa pola recollida de lixo para todo o sector hostaleiro, hospedaxes ou axencias de viaxes
Venres 27 de novembro do 2020 Carballo ao día
Luis Lamas e Evencio Ferrero presentaron os asuntos do pleno
Os establecementos de hostalaría de Carballo tampouco pagarán o ano que vén a taxa pola ocupación de solo público con terrazas. A modificación da ordenanza que permitirá aplicar a exención, por segundo ano consecutivo, forma parte das propostas que presentará o goberno municipal do BNG no pleno ordinario do luns 30 de novembro co obxectivo de reducir a presión fiscal dos negocios máis afectados pola crise da COVID-19. Outra medida, de aplicación a todo o sector da hostalaría, así coma a hospedaxes ou axencias de viaxes, será a redución da taxa pola recollida de lixo ata un máximo do 50%.
As medidas que se debaterán no pleno ordinario do luns 30 de novembro pretenden paliar os efectos das restricións que poidan afectar ao longo do ano que vén a distintos sectores económicos
O alcalde, Evencio Ferrero, e o concelleiro de Obras e Servizos, Luis Lamas, presentaron hoxe as iniciativas, que pretenden paliar os efectos das restricións que poidan afectar ao longo do ano que vén a distintos sectores económicos. No caso do lixo, o alcalde explicou que o importe desta taxa está establecido en función dos custes do servizo de recollida e do tratamento, cada un dos cales supón, aproximadamente, o 50%. “O que se bonifica é o servizo _explicou o alcalde_. Por cada trimestre no que haxa algún tipo de restrición, por mínima que sexa, descontarase un 12,5%, ata un máximo do 50% sobre o recibo anual. Neste caso _engadiu_ entendemos que non se pode suprimir a taxa porque o servizo sempre supón un gasto que, doutro xeito, debería asumir o conxunto da cidadanía; pero no caso das terrazas non existe ese gasto, polo que se pode aplicar a exención total”.
Outros asuntos
En relación co sector económico, no pleno do luns tamén será debatida unha moción do PP sobre axudas á hostalaría e outra sobre a creación de mesas de hostalaría e comercio. O PSOE tamén presentou unha moción, neste caso relativa á sanidade.
A sesión ordinaria inclúe, como cada mes de novembro dende o ano 2003, unha declaración institucional contra a violencia de xénero, a derrogación de dúas ordenanzas que quedaron desfasadas e a resolución dun expediente de investigación dun camiño de Goiáns de Arriba na que se conclúe que non é público.