Inicio Carballo ao día Hemeroteca O Concello de Carballo subvencionará a...

PLENO ORDINARIO

O Concello de Carballo subvencionará a taxa do lixo aos sectores máis afectados polas restricións da COVID-19

Hostalaría, establecementos turísticos ou axencias de viaxes terán bonificado o 100% do custe do servizo durante o tempo que non poidan traballar con normalidade

Martes 1 de decembro do 2020 Carballo ao día

O pleno celebrouse de xeito telemático

O pleno celebrouse de xeito telemático

Ademais da exención total do pago das terrazas de hostalaría por segundo ano consecutivo, que foi aprobada por unanimidade no pleno ordinario celebrado este luns, a corporación municipal de Carballo tamén sacou adiante,  neste caso coa abstención de Terra Galega, a modificación da ordenanza que regula as taxas do lixo comercial para poder reducir o custe do servizo para os sectores da hostalaría, os aloxamentos e establecementos turísticos ou as axencias de viaxes, que son os sectores máis afectados polas restricións derivadas da COVID-19. Pero esa redución, que en principio tería como tope o 50% da taxa anual, poderá chegar ao 100%, xa que, tal como anunciou o voceiro do grupo municipal do BNG, o goberno local está “traballando nunha liña de subvencións para compensar a totalidade da taxa do lixo”.

A sesión plenaria, que se celebrou de xeito telemático e tivo unha duración de case dúas horas e media, non estivo exenta de debate nin de polémica.

Como vén sucedendo dende o ano 2003 en cada pleno de novembro, a corporación municipal aprobou unha Declaración institucional con motivo do Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra as Mulleres e as Nenas. O texto previsto inicialmente foi substituído polo mesmo que vén de ratificar tamén o Parlamento de Galicia, e, ao igual que neste, de maneira unánime. Todos os grupos coincidiron en que máis alá da conmemoración do 25 de novembro, o traballo contra a violencia machista debe desenvolverse todos os días do ano e debe implicar a toda a sociedade.

Tamén saíron adiante sen discusión a proposta para a derrogación de dúas ordenanzas que quedaron obsoletas pola aprobación de normas de rango superior e a resolución dun expediente de investigación sobre un camiño en Goiáns de Arriba no que se conclúe que non é público.

Mocións e rogos e preguntas

O ton mudou no debate das mocións presentadas polos grupos da oposición. As do PP sobre a creación de mesas de hostalaría e comercio e sobre axudas á hostalaría foron rexeitadas. O BNG votou en contra, no primeiro caso argumentando que a constitución dese tipo de mesas _en Carballo xa existe unha de comercio_ está regulado pola Xunta e tería que facerse segundo esas normas, aínda que deixou a porta aberta á integración doutros sectores na mesa de comercio se o permite a Administración autonómica. Na segunda moción, para o goberno municipal varias peticións do PP están xa atendidas e outras deberían atendelas as administracións que teñen competencias. Neste punto tamén se abstivo o PSOE, cuxa voceira, Mari Carmen Vila, amosouse moi combativa con Rubén Lorenzo, do PP, durante o debate. A moción sobre sanidade presentada polo PSOE saíu adiante coas únicas abstencións dos populares.

No apartado de rogos e preguntas, TeGa interesouse por un positivo de COVID-19 no Bergantiños e por un expediente por infraccións nun local de hostalaría, e o PP, polo horario da Biblioteca do Museo, o saneamento en Cambre, o convenio coa Xunta para o arranxo da Avenida de Fisterra e o canon da auga.

Descargas

Compartir: