CAMBIO NAS RESTRICIÓNS A PARTIR DAS 12 DA NOITE DO XOVES
A Consellería de Sanidade comunica aos alcaldes o peche perimetral conxunto dos concellos de Carballo e A Laracha
As terrazas de hostalaría poderán abrir co 50% de ocupación e ata as 17:00 horas, pero non se permite o consumo no interior dos locais
Mércores 2 de decembro do 2020 Carballo ao día
A xuntanza telemática tivo lugar a última hora da mañá
O secretario xeral técnico e o director xeral da Consellería de Sanidade veñen de manter unha nova xuntanza telemática cos alcaldes dos sete concellos de Bergantiños perimetrados conxuntamente ata hoxe, as alcaldesas de Vimianzo e Cee e os alcaldes de Muxía e Dumbría, para dar a coñecer os últimos datos e as previsións do departamento autonómico á vista do avance da COVID-19.
Despois da que cualificaron coma unha “longa e debatida” reunión do comité clínico, dende a Administración autonómica veñen de establecerse novos criterios en función da poboación dos concellos, diferenciando entre os de máis de 10.000 e os de menos de 10.000, e tamén segundo a evolución da incidencia do coronavirus a 7 e a 14 días. E tendo en conta estes novos criterios veñen de adoptar as seguintes medidas, que entrarán en vigor a partir das 24.00 horas do xoves:
- Os concellos de Carballo e A Laracha quedan dentro dun peche perimetral único. Nestes dous municipios permitirase o consumo en terrazas de hostalaría, cunha ocupación máxima do 50% e só ata as 17:00 horas. Os grupos de mesas poderán estar formados por un máximo de 4 persoas non conviventes.
- Os concellos de Coristanco, Cabana, Malpica e Ponteceso quedan incluídos conxuntamente noutro peche perimetral, ao igual que os de Cee, Dumbría e Muxía. Pola súa banda, Vimianzo permanece pechado perimetralmente en solitario. Nestas zonas permitirase o consumo en terrazas de hostalaría ata o 50%, pero tamén poderá utilizarse o interior dos locais cunha ocupación máxima do 30%. Non varía o horario de funcionamento da hostalaría, ata as 17:00 horas, nin o número máximo de personas non conviventes por mesa, que será de 4.
- Outro concello que queda pechado en solitario é o de Laxe, pero neste caso, debido a que a situación sanitaria é moito mellor, permitirase a ocupación dos locais de hostalaría ata o 40% no interior e ata o 50% no exterior. Ademais, o horario de peche amplíase ata as 23:00 horas e poderán xuntarse ata 6 persoas non conviventes.
O alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, dixo non entender “que tendo menos incidencia acumulada que noutros concellos, esteamos nunha fase menos permisiva”. Dende a Consellería de Sanidade apuntaron que ao tratarse de concellos de máis de 10.000 habitantes, as condicións para Carballo e A Laracha son diferentes, pero que poderán cambiar de nivel en función da evolución da situación.
DATOS DE CARBALLO
A día de hoxe no noso concello hai 156 casos activos de COVID-19. A incidencia acumulada a 14 días é de 427 casos por cada 100.000 habitantes, e a sete días, de 188, segundo os datos facilitados polas autoridades sanitarias. A situación mellorou nos últimos días, pero, dentro dos catro niveis de restricións establecidos pola Xunta (máximo, medio-alto, medio e básico), estamos no máis elevado.
Por outra banda, segundo os datos difundidos hoxe pola Consellería de Educación, as cifras de casos activos nos centros educativos do noso concello son os seguintes:
- CEIP Bergantiños: 3
- CEIP Plurilingüe A Cristina: 1
- CEIP Fogar: 9
- CPR Plurilingüe Artai: 2
- CRA Ponte da Pedra: 1
- IES Alfredo Brañas: 3
- IES Isidro Parga Pondal: 1
- IES Monte Neme: 1
- Escola Infantil As Landras: 1