O ALUMEADO DE NADAL ACENDERASE MAÑÁ XOVES
Carballo entra no mes de Nadal coa colocación de adornos nas rúas e o acendido anticipado do alumeado
Hoxe quedou instalado no Xardín Municipal un conxunto decorativo que inclúe dous renos, un trineo e unha caixa de correos e que foi elaborado artesanalmente
Mércores 2 de decembro do 2020 Carballo ao día
Fabián Lage, autor do conxunto navideño que pode verse xa no Xardín Municipal
O mes de Nadal comezou en Carballo con duras restricións pero coa sociedade involucrada cos sectores máis castigados pola crise provocada pola COVID-19. Coincidindo coa decisión da Xunta de Galicia de relaxar, aínda que timidamente, as medidas que afectan á hostalaría, dende o Concello de Carballo tamén queremos contribuír á dinamización de dous sectores económicos fundamentais para a economía local, como son o comercio e a hostalaría, anticipando as accións de promoción propias desta época do ano.
Hoxe mesmo quedaron instaladas na Praza do Concello as primeiras pezas dos elementos decorativos que poderán verse a partir de mañá por distintas rúas. Despois do éxito acadado o ano pasado, volven os renos e o trineo ao Xardín Municipal. Nesta ocasión apostamos por pezas artesanais elaboradas polo carballés Fabián Lage, e incluímos ademais unha caixa de correos para que os nenos e as nenas poidan depositar as súas cartas para Papá Noel, o Apalpador ou os Reis Magos. Este ano teremos sinalizada, tamén a partir de mañá, unha zona para fotografía, co obxectivo de evitar contactos cos renos e o trineo, tanto para evitar desperfectos como, sobre todo, dada a situación epidemiolóxica na que nos atopamos, por seguridade sanitaria.
O fermoso conxunto que loce xa no Xardín complementarase coa colocación dun total de 30 bastóns decorativos nos postes das luminarias de distintas rúas urbanas.
Dende o Concello de Carballo agradecemos a colaboración das empresas Dixardín e Ferroser. A esta última corresponderalle tamén mañá, un día antes da data prevista inicialmente, o acendido do alumeado de Nadal. Ao longo do día quedarán instalados os elementos decorativos pendentes nas rotondas, e ao anoitecer acenderase o alumeado. Este ano, por seguridade, non se celebrará o tradicional acto público.